Envía a túa opinión
Operacións como a de Angelina Jolie realízanse con frecuencia en España, segundo o doutor Francisco Vizoso. O médico indicou que só o 8% dos tumores responden a un condicionamento xenético, a unha herencia familiar. Cando unha paciente ten antecedentes notabeis, se remite o seu caso ás consultas de consello xenético. Hai un procedimento establecido para as mastectomías preventivas de cancro de mama.
Envía a túa opinión
Os alcaldes de Cabana de Bergantiños e Coristanco, onde están os terreos da mina de ouro de Corcoesto, viaxarán a Bruxelas a vindeira semana para defender o proxecto de explotación a ceo aberto. Apóiano porque entenden que supón riqueza para os seus concellos. Mais tamén pode resultar o contrario. “Son os concellos os que teñen que garantir o subministro de auga potable aos cidadáns e facer fronte a todos os gastos”, explicou en Radiofusión o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González, lembrando a posibilidade de que a intervención mineira contamine a auga que vai ás traídas. A SGHN vai publicar en breve a avaliación que lle requiriu á Consellaría de Sanidade sobre o risco sanitario da explotación e dos vertidos de cianuro e arsénico que se utilizarían no proxecto industrial. Mentres, os ecoloxistas celebran o éxito viral da campaña de peticións online “Salvemos Galicia”, que está a piques de recoller 100.000 sinaturas contra a megaminería contaminante.
Envía a túa opinión
O coñecido colectivo de hip-hop Dios Ke Te Crew, nado en Ordes no ano 2003, cumpre dez anos de traxectoria. A presentación do X Aniversario terá lugar mañá sábado na Sala Capitol, en Santiago de Compostela. Para esa ocasión, Dios Ke Te Crew ofrecerá un espectáculo especial onde prometen sorpresas e agasallarán a todos os asistentes cun CD con dúas cancións inéditas. Os pases na billeteira do recinto custarán 15 euros.
Envía a túa opinión
Sabía ao que ía. Tras un par de meses de silencio, os transcorridos dende que comezou o ruxerruxe arredor da mala situación financeira de Pescanova, o gran xigante da industria pesqueira galega, que ten 11.000 empregados en todo o mundo, o presidente da compañía, Manuel Fernández de Sousa, decidiu falar. Fíxoo en Madrid, nos medios estatais de maior difusión. E é que tiña claro que tiña que mandar unha mensaxe, a súa: que a empresa non ten outro problema que non sexa a liquidez inmediata e que el non fixo aproveitamento ningún de información privilexiada para vender as súas accións xusto antes de que se solicitase o preconcurso de acredores.