Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 28 de Marzo de 2017
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

A verdadeira historia das meigas galegas


O Colexio Centieiras na exposición de Carme Romero

As meigas eran mulleres boas que utilizaban os seus coñecementos sobre herbas e plantas para a sanación de corpos e almas. Eran persoas donas do seu destino que atesouraban saberes ancestrais. Eran pezas fundamentais da sociedade tradicional galega.

Sociedade20/03/2017Autor: Redacción

Desde hai uns días pode visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene a mostra “Meigas, sabias e mulleres boas”, composta por pezas en cerámica modeladas pola artista local Carme Romero. O venres a autora da obra recibiu a visita do alumnado  do CEIP Centieiras, a quen lles explicou tanto as lendas que rodean estes persoeiros da cultura galega como a maneira en que ela crea as súas figuras. Porén a actividade escolar non rematou aí, senón que os nenos e nenas farán as súas propias versións das meigas de Romero para expoñelas despois ao carón das orixinais.

“Meigas, sabias e mulleres boas” son obras en cerámica  policromada que non se cinguen unicamente a representar figuras femininas, senón que a muller tamén se integra noutros elementos e mesmo se asocia con motivos da natureza e formas conectadas coa Terra, matriarca en último caso de todo o que hai darredor. Caras e formas que tratan de reflectir un episodio ou unha vida destas mulleres que, segundo a autora, “non teñen nada que ver co concepto de bruxa que ten a maioría da xente”.

Carme Romero busca reforzar a memoria colectiva ao respecto destes persoeiros, ameazados hoxe pola iconografía comercial do Halloween. “Estas son as meigas galegas e tiñan un papel importante de axuda na sociedade”,aseguráballe Romero.


“Meigas, sabias e mulleres boas” recibiu o venres a visita duns 60 nenos e nenas dos primeiros cursos do CEIP Centieiras. Rapazada moi noviña á que Carme Romero lle explicou isto mesmo pero de xeito que o entendesen, incidíndolles moito en que as meigas son parte da nosa cultura e que non gardan parecido coas bruxas de gran no nariz e sombreiro de pico que poboan as series animadas e a versión importada do Samaín.

Alén da parte cultural, a visita do alumnado de primaria tamén se centrou no proceso creativo das figuras. A autora explicou como se fai o deseño, o modelado, a cocción e o pintado das obras. Consellos valiosos que os nenos e nenas deberán poñer en práctica. E é que nos próximos días eles e elas tamén farán figuriñas de meigas e menciñeiras que despois traerán á Casa da Cultura para expoñelas coas de Romero.
As dúas mostras convivirán na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura desde o 27 de marzo ata o 7 de abril, logo de que a área de Cultura decidise ampliar uns días a exposición de Carme Romero. Os horarios de visita: de 10 a 13 e de 16 a 21.00h. de luns a venres e os sábados de 10 a 13.00h.


Comentarios:
Publicidade

Axenda

Enquisa

Os galegos e galegas debemos ter dereito a decidir?
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros