Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 24 de Outubro de 2017
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

Homenaxe ao alcalde republicano Ramón Souto


Praza do alcalde Ramón Souto

A Corporación de Fene homenaxeará ao alcalde republicano Ramón Souto, fusilado sen xuizo previo, tras o golpe de estado de 1936. A lembranza consistirá no descubrimento dunha placa na praza anexa á Casa do Concello que xa leva o nome do rexedor.

Sociedade11/08/2017Autor: Redacción

O próximo mércores 16 de agosto a antiga Praza do Concello pasará chamarse oficialmente"Praza do Alcalde Ramón Souto González", en memoria do rexedor socialista represaliado en 1936 xunto con outros membros da corporación fenesa. Oficialmente ese xa era o nome da praza despois de que así o decidise o pleno do pasado 4 de maio. Naquela sesión, tamén se acordou facer o acto institucional de homenaxe que irá acompañado da convocatoria da primeira edición dun certame xornalístico centrado na historia de Fene e do resto de Galicia durante o século XX.

A homenaxe a Ramón Souto terá lugar na praza anexa ao consistorio a partir das 20.30h. do mércores co descubrimento dunha placa na súa memoria. Un acto "sinxelo" ao que están convidados os membros da corporación, familiares do alcalde fusilado, entidades do territorio e tamén toda a cidadanía que queira sumarse a "un xesto humilde" co que, en palabras de Juventino Trigo, "queremos honrar a figura dun home bo, vítima da persecución ideolóxica desatada polo franquismo tralo golpe de estado contra o goberno lexítimo da República".

Ramón Souto naceu en 1900 na vila costeira da Póboa do Caramiñal e recalou en Fene xunto coa súa familia pouco antes de cumprir o servizo militar. Carpinteiro e traballador da antiga fábrica de baldosas de Perlío, Souto participou do movemento sindical -foi membro da sociedade agrarista La Necesaria- e tamén político, chegando a ser candidato a deputado no 1933 polas listas socialistas.

Substituíu no cargo ao alcalde José Pita Cortés, tamén socialista, que dimitira en xuño de 1936 por causa da súa avanzada idade e dun delicado estado de saúde. Pouco menos dun mes despois, o 18 de xullo, produciríase o golpe de estado contra da República. Naquel intre a súa dona Mercedes Guizán, temendo por el,  aconselloulle refuxiarse na Coruña. Unha recomendación que Souto rexeitou coa frase "¿e por que me vou esconder se nunca lle fixen mal a ninguén?" que, máis que afouteza, posiblemente reflectise o estado de ánimo dun home ignorante do tráxico cariz que tomarían os acontecementos á volta de tan só uns días.

Ramón Souto González foi detido na Casa do Concello o 1 de agosto xunto con outros membros da corporación: Andrés Iglesias, Juan Sanchez, Francisco e Eduardo Barcia e o secretario municipal, Jesús Tenreiro. Disque estivo cautivo na Escollera, en Ferrol, ata que na noite do 16 de agosto -ou xa na madrugada do 17- foi sacado de alí e fusilado sen xuizo previo  xunto con outros 14 presos políticos -entre eles Xaime Quintanilla-, procedentes parte deles da prisión flotante Plus Ultra. 

 

Como queira que sexa, agora o Concello de Fene "ofreceralle por fin o recoñecemento que merece, en cumprimento do noso deber de reparar as vítimas da represión e de preservar a memoria histórica recente". 

Ademais de descubrir a placa conmemorativa, o Concello tamén honrará a Souto González convocando o 1º Concurso de artigos xornalísticos co nome do alcalde represaliado. O certame pretende "promover a reflexión" sobre temas relativos á historia do municipio, do resto da comarca e de Galicia ao longo do século XX. A iniciativa -proposta como enmenda polo PP- tamén quere fomentar a creación de espazos nos medios de comunicación "para analizar e divulgar a nosa memoria histórica".


Comentarios:
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros