Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Xoves 21 de Xuño de 2018
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

Coas auxiliares do naval


Concentración das auxiliares do sector naval. 13 de xuño de 2018

A CIG-Industria realizou este mércores concentracións-asembleas diante das portas dos estaleiros de Ferrol e Fene en demanda da recuperación dos acordos da industria auxiliar e pola mellora das condicións de seguridade e saúde para os traballadores e traballadoras das subcontratas de Navantia. A protesta tamén busca ser un xesto de solidariedade co persoal das auxiliares da baía de Cádiz, que este mércores están secundando unha xornada de folga por unhas condicións dignas. 

Sociedade13/06/2018Autor: Redacción

A convocatoria desta mobilización acordouse nas asembleas realizadas con todo o persoal das auxiliares no día de onte, nas que se informou da situación na que se atopan as negociacións coas empresas do sector. Dende a Federación de Industria da CIG lembran hai máis de un de mes que a patronal puxo enriba da mesa unha oferta para a recuperación dos acordos de 2001, que a central cualifica de "insuficiente": dunha banda porque quedaría limitada aos acordos actualizados polas táboas de 2014, e doutra polos prazos de aplicación que estabelece (en tres tramos até novembro de 2019).  
"A CIG xa dixo que esa proposta non valía e pedímoslle a patronal que a melloraran. Pasado un mes aínda non sabemos nada e por enriba CCOO e UGT están desaparecidas", apunta Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria. E advirte: "a recuperación dos acordos do 2001 é unha reivindicación viva, que non imos abandonar".


Sen solucións tras sete meses de negociacións


O responsábel sindical denuncia que despois de sete meses de negociacións, constantemente interrompidas con absurdas escusas, quedou de manifesto a falta de interese por solucionar o conflito salarial, e por aproveitar esa mesa para afondar en temas como a formación, a prevención, ou a subcontratación,  "mentres continuamos a sufrir accidentes graves e mortais e escoitamos a patronal falar da falta de especialistas".
Ao tempo, engade Vidal, estanse elaborando as novas condicións dos pregos de contratación de Navantia sen escoitar a representación do persoal, mais tamén, de costas ás empresas da comarca, "o que deixa en evidencia cal é realmente o papel que teñen asumido as auxiliares de Navantia na Ría de Ferrol, e cal é o tratamento que reservan para o seu persoal: o de man de obra explotada e submisa".
Responsabilidade de Navantia
Ante esta situación, Vidal defende que "hai que recuperar o camiño da mobilización", para rachar coa parálise tanto na negociación coas auxiliares como na inacción por parte da empresa principal, "que consinte nos abusos e incumprimentos das súas contratas". Por iso, CIG-Industria esixe da dirección de Navantia e das e dos responsábeis políticos, que adopten unha postura "proactiva" neste conflito e que estea "a altura das circunstancias e dos retos de futuro que se lle presentan a unha empresa que debe aspirar a ser líder no mercado internacional. Navantia debe promover unha solución definitiva ás xustas e lexítimas reivindicacións do persoal da industria auxiliar".
Unha chamada que cobra especial relevancia neste intre, cando se constitúe a mesa da industria auxiliar no marco da negociación do convenio de Navantia, que ademais coincide, por mor do cambio de Goberno, coa toma de posesión das/os responsábeis políticos con competencias directas sobre esa negociación do convenio, sobre o futuro do estaleiro, e sobre o modelo de empresa que se está deseñando para Navantia. "E polo tanto, sobre as condicións de traballo, estabilidade no emprego, de seguridade e saúde e salariais, do persoal da industria auxiliar".
Solidariedade cos compañeiros e compañeiras de Cádiz
No decurso das asembleas-concentracións enviouse tamén unha mensaxe de solidariedade cos traballadores e traballadoras das auxiliares de Navantia en Cádiz, que hoxe secundan de xeito masivo unha xornada de folga, "por motivos que coñecemos ben e que compartimos ao 100%: condicións de traballo, seguridade e saúde, xornadas excesivas, e incumprimento do convenio de aplicación". Ao igual que aconteceu coa folga convocada en solitario o pasado outubro pola CIG, o paro de Cádiz tampouco conta co respaldo dos sindicatos maioritarios de Navantia, "que unha vez máis quedan retratadas como organizacións entregadas totalmente á dirección de empresa".


Comentarios:
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros