”Hai moita poesía agachada na praza de abastos” afirma Carlos Valle Karlotty. "Este ano imos facer unhas improvisacións poéticas a partir dos peixes". Unha vez máis os poetas acudirán aos mercados e ás rúas nas voces dos seus criadores. Do mércores 25 ao sábado 28 de abril xogaráse cos silencios das palabras, “para dar alegría e para combatir” afirma Karlotty. A undécima Semana da Poesía Salvaxe distribue A Palabra Encarnada polas rúas do barrio da Magdalena e de Caranza.
O Camiño de Santiago serviu de ferramenta de intercambio cultural desde a Edade Media. Afirmao así Santiago Lopo, autor da novela A arte de trobar, que comentamos no club de lectura de Radio Fene Radiofusion. O escritor reivindica unha época relevante do noso pasado, da que só se acostuma a subliñar a súa escuridade pero que tamén tivo moitas luces. Trovadores e xograres conviven no camiño de Santiago nesta novela.
“Galicia débelle moito á emigración” afirma Xoán López Facal, autor do libro “Olimpio Pérez, unha historia da Compostela moderna”. “A modernidade galega pasou pola ensinanza, polas escolas creadas xuntando peso a peso en Cuba e Arxentina e as remesas dos emigrantes permitiron redimir foros, afrontar desgracias e mellorar o nivel de vida en xeral”. Na canalización dos cartos da emigración xogou un papel importante a banca familiar como a de Olimpio Pérez. “Á praza de Cervantes de Santiago de Compostela acudian milleiros de labregos de Santiago, Barcala, Padrón e de toda a comarca a retirar as remesas” afima López Facal.
“A historia de Pippi é o soño da rapazada, ter poder, poder facer o que quixera, ter liberdade total” afirma David Álvarez, que verqueu do sueco ao galego o primeiro dos tres libros de Pippi Medias Longas, publicado por Editorial Kalandraka. Para David “é unha fabulación, pero tamén un canto de liberdade”.