Á espera de instrucións

Á espera de instrucións
18 de Xuño, 2020 - 11:23 h. | Publicada por Radio Fene

O colexio A Xunqueira despide o curso online pero enviará orlas de recordo ao alumnado que cambia de ciclo ou remata os estudos no centro de San Valentín.

ESCOITA O PODCAST:
Isabel Hermida. 24 de abril de 2018

No colexio A Xunqueira de San Valentín foron solventando a papeleta nestes últimos meses de confinamento coa colaboración das familias e do concello. Nos cursos da ESO foi máis doado porque o alumnado ten xa unha certa autonomía á hora de conectarse. En primaria e infantil foi un pouco máis complexo. Achegóuselles o material aos domicilios e funcionou o whatsapp.

O curso despídese da mesma maneira en liña. En 6º de primaria e 4º da ESO facíase sempre na Xunqueira unha cerimonia de despedida. “Este ano enviarémoslles unha orla como recordo do seu paso polo centro” afirma a directora.  “As avaliacións encaráronse dun xeito positivo cara ao alumnado” declara Isabel Hermida. A de primaria fíxose presencialmente no ximnasio do centro, respectando as distancias e utilizando máscaras. A avaliación de secundaria farase a semana que ven. En relación coa matricula do próximo curso, esta segue a tendencia dos últimos anos, sen sorpresas. Ultimarase no mes de xullo, por quendas, mentres que as familias xa fixeron os trámites para solicitar as axudas aos libros de texto e material escolar. Mañá remata o prazo.

Pensando no próximo curso, Isabel Hermida está á espera de instrucións pero xa adianta que “o tamaño das aulas é o que é, non pode cambiarse”. A solución pasaría por aumentar a ratio por aula e incrementar o profesorado. Polo demais, todo o centro está sinalizado convenientemente coas saídas e entradas separadas.

Cultura

Publica o teu comentario agora