Á sombra dos piñeiros

Coñecemos o piñeiral de Cabanas
14 de Setembro, 2020 - 12:11 h. | Publicada por Radio Fene

O piñeiral de Cabanas -A Coruña- contén ata 2000 exemplares de árbores. Nun extremo, o concello inaugurou este ano, con moito éxito, a praia canina.

ESCOITA O PODCAST:

O areal e o seu piñeiral son os elementos máis coñecidos do concello de Cabanas (A Coruña). Un lugar que non sempre foi así, claro está, que se foi convertendo co paso do tempo no espazo que é hoxe. Antigamente había no lugar unha devesa real destinada a extraer madeira para a reparación das portas da muralla de Pontedeume. Co paso dos anos foise perdendo aquela masa arbórea ata que en 1914 se celebra a primeira Festa da Árbore e empeza a repoboarse a zona con carballos, salgueiros, bidueiros, sobreiras e piñeiros, sendo estes últimos os máis numerosos. Segundo os datos que nos aporta a técnica de turismo de Cabanas, Eva González, na actualidade hai arredor de 2000 exemplares plantados en paralelo a un areal de 1100 metros de lonxitude onde proliferan as actividades acuáticas como atractivo turístico. Este ano inaugurouse a praia canina que ocupa 150 metros da zona do areal máis próxima á ponte do ferrocarril e que, en palabras de Eva González, atrae a xente de zonas bastante distantes e non paran de recibir parabéns pola súa existencia e dotacións.

Ao norte do piñeiral sitúase a igrexa da Madalena de nova construción (Alfredo Alcalá- anos 60) pero onde no século XVI existía un hospital coa súa capela adicada a esta virxe. Outro elemento ben visible no extremo do areal é a ponte do ferrocarril inaugurada no ano 1913 e posta en funcionamento con motivo da visita real á botadura do acoirazado España. A existencia do apeadeiro de Cabanas fomentou o aumento do turismo de praia. O piñeiral, indica González, foi mudando a medida que pasaron os anos e a afluencia de persoas a esta paraxe foi tornándoa en lugar de veraneo. Desde os anos 50 é de destacar a proliferación de chalés como segundas residencias.

Completa a zona do piñeiral de Cabanas o parque que rodea a oficina municipal de turismo que antano ocupaba o mar. Hoxe converteuse nunha zona de lecer con dotacións como o parque saudable, o parque infantil ou pistas polideportivas, que completan todo o que inclúe a praia, o piñeiral e o paseo marítimo. Non esquezamos o atractivo dos chiringuitos ou a feira mensual do 21 e a de Santa Marta cada ano no mes de agosto. A práctica do deporte, as camiñadas e as reunións familiares son o pan noso de cada día neste lugar de Cabanas que hoxe visitamos da man de Eva González.

(Imaxe do piñeiral de Cabanas. Autor  @marante58)

Cultura

Publica o teu comentario agora