África

Fatoumata Diawara presentou en Ferrol o seu último traballo musical "Fenfo"
13 de Maio, 2019 - 09:44 h. | Publicada por Radio Fene

Fatoumata Diawara ergueu ao público dos seus cómodos asentos e contaxiouno da súa paixón polo seu país Mali e o seu continente.

África foi a palabra que todo o público do Auditorio municipal de Ferrol entendeu á perfección cada vez que Fatoumata Diawara a pronunciaba sobre o escenario onde presentou o seu último traballo “Fenfo”. A actriz e “gran nova dama da canción africana” falou e cantou sobre as tablas. Cantou en bambara, nun dos numerosos idiomas do seu país natal e falou en inglés para ser comprendida por un público que acabou entregado bailando sobre o escenario ou no patio de butacas.

A presencia de Fatoumata no escenario é imponente, co seu pano atado á cabeza, o seu precioso vestido branco cheo de adornos, o seu embarazo máis que visible e os sons únicos que saen da sua gorxa. Canta e fala do seu país. “En África non queremos máis guerras” Fala da migración e dos dereitos das mulleres e o seu empoderamento, fala dos nenos e nenas africanas que non teñen que comer. Chama ao público a achegarse a África. Remata case todos os temas erguendo o puño pechado. Impresionante a danza final que desata toda a paixón da que é capaz unha muller, afincada en Francia, pero africana.

Cultura

Publica o teu comentario agora