As árbores contan historias

As árbores, parques, zonas verdes de Fene tamén son obxectivos turísticos
06 de Outubro, 2020 - 06:00 h. | Publicada por Radio Fene

A tradición do amor polas árbores remóntase en Fene a comezos do século XX. Daquela naceu a Asociación de Amigos das Arbores en Maniños. O Monumento ao Camiñante Descoñecido, inaugurado en Barallobre en 1934, tamén tiña un compoñente de respecto e admiración pola natureza, polo medio ambiente.

ESCOITA O PODCAST:

Trinta anos leva Antón Muñiz como xardiñeiro municipal de Fene. Coñece cada recuncho verde do termino municipal, onde se encontran as súas árbores senlleiras, porque “desde 1987 vivín en primeira persoa os xardíns que temos hoxe”. Afirma Muñiz que Fene xa tiña antes de 1979 unha tradición de zonas verdes, grazas á asociación que en 1934 ergue, por cuestación popular, o Monumento ao Camiñante Descoñecido en Barallobre rodeado dun xardín e dotado dunha curiosa biblioteca. Os amigos das árbores iniciaron nos anos 20 a prantación de especies autóctonas que perviven no parque do Pote de Maniños: "As escolas de indianos coidaban dos seus xardíns para fomentar o amor pola natureza entre os escolares"

Foi en 1979, coa chegada da etapa democrática aos concellos,  cando se deseña en Fene a creación de novas zonas verdes e a recuperación das que había. “O criterio era recuperar zonas degradadas e equilibrar a expansión urbanística”. Lembra o xardiñeiro municipal a aportación valiosísima das Escolas Obradoiro nese cometido. Executaron a xardiñeiría do parque liñal do río Cádavo; os paseos marítimos de San Valentín e Barallobre-Maniños ou o Parque Castelao, unha zona especial e merecente de ser visitada. 

Todos os xardíns son dinámicos porque son entidades vivas de por sí e se adaptan ás necesidades dos usuarios, mellor accesibilidade ou a práctica deportiva. Varios parques foron bautizados cos nomes de escritores de sona; empezando polo Camiñante onde cada banco leva o nome dun literato ou literata. Outros exemplos son o parque Rosalía de Castro en Perlío, Blanco Amor en Magalofes, Luis Seoane ou Bieito Cupeiro en Barallobre.

Capítulo aparte merece o catálogo das árbores senlleiras de Fene. “No lugar do Pazo de Barallobre queda un piñeiro manso que logo terá 200 anos porque foi prantado en 1826 e en Limodre hai un exemplar de buxo da mesma idade”. Como o ombú de enormes dimensións no cemiterio municipal de Barallobre, producto dunha doazón dun particular ao concello.  “A muller que fixo a doazón puxo como condición que se prantase no cemiterio para telo cerca cando lle chegara a hora, para permanecer ao seu lado eternamente”. Historias maravillosas que encerran as árbores, os xardíns…E historias de recuperación de zonas polas que non se daba un peso. Cita Muñiz o caso do parque baixo a autopista, ideal hoxe para o paseo e para practicar o sendeirismo. Nunha edición do Día da Árbore, todos os escolares de Fene prantaron alí 31 exemplares novos.

O concello de Fene ven de sumarse ao proxecto "Vilas en flor"

(Na imaxe, Antón Muñiz, Estefanía Purriños e Ana Basoa)

Sociedade

Publica o teu comentario agora