Ás veces “Non todos os ladróns veñen por mal”

Ás veces “Non todos os ladróns veñen por mal”

19 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A agrupación naronesa O Aturuxo de Melpómene actuará este domingo, ás 19.00 horas, no Centro Cívico de Caranza no marco do XI Ciclo de Teatro Afeccionado Domingos a Escena, organizado polo Concello de Ferrol. A formación teatral porá en escea: “Non todos os ladróns veñen por mal”. Unha comedia escrita por Darío Fo e dirixida polo Premio Max de Teatro José Luis Prieto. A entrada é libre e de balde.

Os elenco da obra defínea como unha comedia histérica de enredo preconstitucional que ten como protagonista a un ladrón que entra a roubar nunha casa mentres os seus donos están ausentes. A situación complícase coas chamadas telefónicas da muller do ladrón e as chegadas sucesivas dos donos da vivenda e os seus respectivos amantes. “Non todos os ladróns veñen por mal” represéntana Alberto Suárez, Lorena Montero, Leandro Lamas, María Veiga, Gena Hernández, Antonio Estévez, Celia González e Sena Hermida. 

A concelleira de cultura de Ferrol, Mercedes Carbajales, lembrou esta mañá que o público poderá votar novamente polo espectáculo que máis lle guste. Os grupos que pasen polo ciclo poderán así optar ao Premio do Público, consistente en 1.500 euros e a oportunidade de representar a función no Teatro Jofre.

Cultura