“A zanfona e a voz”

“A zanfona e a voz”

15 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

É o título do “VI Encontro coa zanfona contemporánea” que se celebrará en Narón a finais desta semana, dende o xoves 18 ao domingo 21 de marzo. O tema, segundo explicou a Radiofusión o responsable de comunicación da Central Folque, Mauro Sanín, “ten que ver co tradicional emprego da zanfona como instrumento de apoio ao canto”.

Projecto Trepia, Jaime Rebollo, o dúo Corps Vibrants, Mini e Mero e a instrumentista francesa Isabelle Pignol, protagonizarán este ano o sexto “Encontro coa zanfona contemporánea”, que organiza o Centro Galego de Música Popular (a Central Folque) e o Padroado de Cultura do Concello de Narón. O certame, considerado na actualidade coma o máis completo festival adicado este instrumento, inclúe actividades didácticas, concertos e ata un escenario aberto onde calquera persoa pode interpretar música, cantar ou bailar.  

Na primeira xornada do encontro, escolares de distintos centros de ensino da comarca asistirán, no parque de Aldea Nova,  a unha sesión didáctica sobre a zanfona. A actividade correrá a cargo dos compoñentes do colectivo Projecto Trepia e do artesán Jaime Rebollo.

O venres será o día do concerto. Os históricos Mini e Mero serán os encargados de inaugurar o festival “Zanfona e voz”, que se celebrará no Café-Concerto do Pazo da Cultura de Narón, a partir das oito e media do serán. Tras deles, Projecto Trepia presentará un espectáculo multimedia mesturando música ao vivo, samples electrónicos, gravacións de campo, proxeccións audiovisuais e danza. Xa por último, o dúo francés Corps Vibrants, expoñente da vangarda musical gala, amosará o seu repertorio de composicións propias.

Este sexto Encontro coa zanfona contemporánea de Narón completarase cunha sesión de “Palco Aberto” en Aldea Nova, o sábado, a partir das dez da noite. Ademais, durante toda a fin de semana, a zanfonista francesa Isabelle Pignol impartirá un curso intensivo  sobre o instrumento (para o que xa se esgotaron todas as prazas).

Sociedade