“Agallas vs Escamas” tema do friolense Arturo Vaquero, candidata ao Goya á mellor canción

“Agallas vs Escamas” tema do friolense Arturo Vaquero, candidata ao Goya á mellor canción

14 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os premios Goya poderán lucir acento galego. Non xa pola nominación do lucense Luis Tosar como mellor actor por Celda 211, senón porque un dos membros do grupo chairego Dummie Project, o produtor friolense, Arturo Vaquero, é candidato á mellor canción orixinal polo seu tema “Agallas vs escamas”, pertencente á banda sonora do filme “Agallas”.

O track, composto por Vaquero, contou coa colaboración de Xavi Font e a voz de Hugo Silva. O propio músico de Friol foi, xunto con Font, o encargado de crear toda a música deste filme protagonizado por Carmelo Gómez e o mesmo Silva. Pero non foi esta a  única contribución da provincia na música desta película, senón que a formación Dummie Project, na que participa tamén o DJ vilalbés Marcos Peón e a cantante coruñesa Lis,  incluíu o seu single “Baila mi ritmo” na banda sonora da película.

 

 

Novos proxectos de Dummie Project

 

Tras o lanzamento deste primeiro tema, a banda luguesa centrouse en remesturar o single “Phonic Lounge”, un dos principais enchepistas da música electrónica portuguesa. Outra das súas últimas creacións foi un remix de “Love beat” de 2Seal & DJ Frisco. Esta última creación é un encargo dun dos selos mais importantes de Estados Unidos, “Neurotic Groove”, o que lles permitirá colocarse nunha boa posición para asaltar as listas mais importantes do continente americano.

 

Outro dos temas creados por Dummie Project foi “It´s Troco”, que se pincha habitualmente na macrodiscoteca Troco de Vilalba e conta coas voces propias da xente asidua a escoitar e participar nas sesións nocturnas de música House de Marcos Peón.

 

Na actualidade Vaquero e Peón traballan para sacar o seu terceiro single e na produción, xunto coa axencia “Yellow House”, dunha das festas que será referencia do verán nacional e que, baixo o nome de “A taste of Ibiza”, porán a súa música os mellores Dj´s de España.

Sociedade