“Arzúa para ti”: para vivir e para investir

“Arzúa para ti”: para vivir e para investir

24 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Arzúa convídanos a vistar a web www.arzuaparati.org, un espazo que ten por obxectivo atraer poboación e empresas e incidir nas vantaxes de Arzúa “para vivir” e “para investir”, ao tempo que descobren os seus atractivos turísticos. Xente de Arz&

Esta iniciativa, innovadora e novidosa, traslada as experiencias vitais e profesionais dunha parella nova que decidiu asentar a súa residencia a Arzúa, dun mozo emprendedor, dunha muller empresaria, dun peregrino, dun hostaleiro, das mulleres da aula de teatro, dun mozo deportista... Así ata preto dunha trintena de veciños e veciñas seguros de que eles poden ser a mellor estratexia publicitaria para convencer a moitas persoas de que Arzúa é o mellor lugar para vivir, para poñer en marcha o seu negocio e para descubrir o seu patrimonio cultural, artístico e natural.

Unha idea con tres grandes focos

A páxina www.arzuaparati.org céntrase na promoción de Arzúa como un concello con grandes posibilidades e vantaxes para quen decida trasladar aquí o seu lugar de residencia, para quen ande na procura dun espazo no que asentar o seu negocio ou para quen, mesmo vivindo moi preto, non tivo aínda a ocasión de descubrir Arzúa como destino das súas escapadas no tempo libre.

Deste xeito, os homes e mulleres que participan introducen cada un dos tres bloques que esta integra –‘Arzúa para vivir’, ‘Arzúa para investir’, ‘Arzúa para vir’- respondendo a preguntas que lles dan pé a trasladar a súa opinión sobre o que supón para eles vivir e traballar neste concello e sobre cales son os seus principais atractivos turísticos.

No que respecta aos seus contidos e funcionalidades, www.arzuaparati.org inclúe, entre outros espazos, apartados cos que coñecer mellor as comunicacións, infraestruturas e equipamentos de Arzúa, así como as súas potencialidades turísticas (festas e feiras; gastronomía; patrimonio natural, artístico e cultural; o Camiño de Santiago; un directorio de hostalería e restauración...).

Noutros espazos recóllense as axudas vixentes en materia de vivenda e para a posta en marcha e mellora de negocios e mesmo unha sección de anuncios que dá conta das dispoñibilidade actual de inmobles de venta e/ou aluguer no concello e que permite aos/ás usuarios da web enviar ofertas/demandas para a súa publicación na páxina.

A través desta páxina vaise sortear unha estadía de fin de semana nunha casa de turismo rural do municipio. As persoas que desexen participar no concurso, que se fallará o 16 de outubro, poden descubrir como facelo na propia web a partir de hoxe.

Arzúa, concello con perspectivas de futuro

Ás boas comunicacións que presenta Arzúa engádese agora a adxudicación do tramo Lavacolla-Arzúa da futura autovía Santiago-Lugo (A-54). Con ela, reducirase a 18 quilómetros a distancia ao aeroporto de Lavacolla e a só 28 a que, no ano 2012, separará a este concello de Compostela.

Isto, engadido á ampliación da oferta de solo industrial no polígono situado a carón da N-547, aos baixos prezos do solo; á recente aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que persegue un urbanismo ordenado, sustentable e respectuoso co medio ou á existencia dunha rede de equipamentos públicos de primeiro nivel, converte a Arzúa nun concello con grandes posibilidades de futuro.

www.arzuaparati.org incide nestas vantaxes á hora de descubrir este concello como unha alternativa a ter en conta por aquelas persoas que desexen fuxir do estrés da cidade, que queiran adquirir unha vivenda, que anden procurando un lugar axeitado para asentar o seu negocio, ou que desexen gozar dos atractivos turísticos que ofrece Arzúa.

Pola súa proximidade física, e aínda que grazas á difusión web poderá ter unha incidencia e alcance maiores, ‘Arzúa para ti’ diríxese preferentemente á zona de Santiago de Compostela.

Institucional