“Especial informativo: Alberto Núñez Feijóo” (TVG, 21.15 h.)

“Especial informativo: Alberto Núñez Feijóo” (TVG, 21.15 h.)

24 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O columnista de prensa Antón Losada chámalle O Noso Alberto, non con pouca retranca, pero evidenciando esa relación case familiar ou de síndrome sueca que boa parte dos galegos e galegas desenvolvemos cos nosos líderes políticos. Podemos falar de relacións paterno-filiais: con Don Manuel eramos como fillos que gustaban de sentar no colo do gran patrón; a Touriño faltoulle tempo para facerse querer e houbo a quen lle amolou que dese o amor por co

Na véspera do Día de Galicia, nin “Luar” nin farrapo de gaita. O mascarón de proa desa nave en reconstrución que é a TVG deixa o seu lugar de privilexio dos venres pola noite a un espazo especial e informativo programado a máis gloria do presidente da Xunta. A Feijóo os galegos xa o queren maioritariamente, que aí están as urnas para dicilo, pero como nunca hai suficiente amor, cómpre facerse merecedor do cariño sempre que sexa posible. Como as mensaxes institucionais son frías e marcan distancias, a Xunta optou por unha fórmula máis cálida para aproveitar mellor o asalto ao prime-time que precede á queima da fachada da Catedral de Santiago.

Xa de día gravouse unha entrevista na que Alberto Núñez Feijóo atenderá ás preguntas de tres xornalistas: Francisco López Iglesias, do propio ente público; Juan Carlos da Silva, director do Faro de Vigo; e o seu homólogo no Progreso de Lugo, Luis Rodríguez García. Chama a atención a ausencia dun representante de La Voz de Galicia, Sancho Panza fiel durante a loita contra os muíños electorais na pasada campaña. En calquera caso, aínda que nos prive por uns minutos de Gayoso un venres pola noite, agradéceselle ao presidente que, entre a propaganda e a confesión, fale dos seus plans para o país en data tan sinalada. Si vai resultar que si, que a Feijóo hai que querelo. Todo o amor a partir das nove e cuarto na TVG.

Institucional