“Nunca lle fixen mal a ninguén”

“Nunca lle fixen mal a ninguén”

29 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

¿Porque me vou esconder se nunca lle fixen mal a ninguén? Respostoulle así o alcalde de Fene en 1936 Ramón Souto González á súa muller Mercedes Guizán. A dona suxeriulle que escapase ao ter noticias da sublevación militar.

Ramón Souto nacera no ano 1900 na Pobra do Carmiñal. Antes de cumprir o servizo militar, veu vivir a Fene coa súa familia. Era e profisión carpinteiro e tamén traballou nunha fábrica de baldosas en Perlío. O seu compromiso político e sindical lévao a participar na sociedade agrarista La Necesaria. O 21 de xullo de 1936 chegan a Fene dende Neda as tropas de Artillería que secundaban o Alzamento de Franco. Rapaces das Xuventudes Socialistas talan uns árbores na curva do Bargo, nas inmediacións do Puntal. Alí se despraza o alcalde Ramón Souto.  Convence aos xovens da inutilidade da súa acción. Vai para o domicilio familiar, onde a súa muller quereo convencer de que marche para Coruña e se refuxie nunha vivenda coñecida onde xa estivera en outubro de 1934. Ramón Souto indica que nunca lle fixo mal a ninguén.
A Ramón Souto detivéronno o 1 de agosto na Casa do Concello, xunto con Andrés Iglesias, Juan Sanchez, Francisco e Eduardo Barcia. No balcón da Casa Consistorial ondeaba unha bandeira branca en sinal de paz. Fusilaranno no castelo de San Felipe xunto co alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla o 17 de agosto de 1936. Levaba pouco máis dun mes como alcalde, despois de sustituir a José Pita Cortés, tamén socialista, que dimitiu no mes de xuño por razóns de idade e polo seu mal estado de saúde.

Sociedade