“Q”

"Q"
27 de Xaneiro, 2021 - 10:05 h. | Publicada por Radio Fene

"Q" é unha novela histórica escrita por varios autores que actúan e escreben baixo o nome colectivo de Luther Blissett. Unha novela cuxo estilo bebe das novelas de aventuras e detectivescas pero cunha intención de utopía política que interpela aos lectores.

ESCOITA O PODCAST:

Detrás de “Q” está un grupo de autores esquerdistas italianos que levaron a cabo un labor de reflexión colectiva sobre a historia e a cultura. Son catro autores que actúan como colectivo literario ( Luther Blissett) que elabora ficcións históricas e de teoría política. “Son coñecidos, viaxan xuntos para presentar os seus libros porque teñen unha idea crítica da noción burguesa e individualista da idea do autor” afirma o profesor da Universidade de Chicago, Noel Blanco.

“Q” ambiéntase na primeira Reforma Protestante de Lutero no século XVI en centroeuropa, na denominada guerra dos pobres. “Q” é o personaxe protagonista, pero os autores vanlle cambiando o nome, establecendo un xogo cómico co lector. A novela está ambientada nos primeiros momentos da revolta campesina da historia moderna, liderada por Thomas Müntzer, na que tentan colectivizar as terras dos príncipes no norte de Alemaña. A pesar de ser vencidos, manteñen a utopía da Reforma. “A novela convídanos a unha reflexión sobre como e porqué a xente se revolve contra o poder a través da asociación”, explica Blanco. Nese sentido estamos diante dunha novela histórica e política porque inspira utopías.

Para Blanco en “Q” hai dous aspectos fundamentais; a idea de utopía política que no seu caso ten que ver cos movementos altermundistas e antiglobalización de principios dos anos 2000 como por exemplo o movemento zapatista en Chiapas. Implícanse en movementos políticos libertarios. E, en segundo lugar, escribir unha novela histórica nun estilo irreverente, desenfadado, xogando co lector. Para este colectivo é necesario interrogar a historia desde formas de cultura popular. Daí que “Q” sexa unha novelade aventuras, detectivesca, nunca académica. O texto é lexible, ameno e disposto a interpelar ao lector.

Cultura

Publica o teu comentario agora