10 de marzo. Folga Xeral

10 de marzo. Folga Xeral
26 de Febreiro, 2021 - 11:24 h. | Publicada por Radio Fene

A folga xeral do 10 de marzo, convocada por CIG,UGT e CCOO, demanda xustiza para as nosas comarcas.

ESCOITA O PODCAST:

“As razóns para convocar unha folga xeral en Ferrolterra xa veñen de vello” afirma o secretario comarcal da CIG, unha das centrais sindicais convocantes da nova folga, Manuel Grandal. CIG, UGT e CCOO convocaron unha Folga Xeral o próximo 10 de marzo, unha data significativa para a clase obreira. Esta folga xa estaba convocada en marzo do ano pasado pero a pandemia obrigou a suspendela. Retomaron a mobilización en decembro con aquela cadea humana que abarcou toda a estrada de Castela, e agora chega a folga xeral porque, segundo Grandal, non deixaron de petar nas portas sen resultados. “Agora demandamos o que nos deben”.

As comarcas están abandonadas, véxanse Gamesa, Endesa, Navantia, Galicia Textil…”Non temos nin por parte da Xunta nin do Goberno Central solucións de futuro”. Nin tampouco a curto prazo, tal e como o explica Manuel Grandal cando fala por exemplo, no sector naval, de dous buques que poderían rematarse na ria de Ferrol pero que dependen dunha decisión política que non chega. Ou cando fala das enerxías renovables e da esixencia ás concesionarias de que iso conleve proxectos industriais na zona.

Grandal agarda un apoio masivo á folga e á manifestación que a acompañará, conscientes das normas sanitarias a seguir. Para iso establecerán un servizo de orde e usarán grandes avenidas para manter as distancias, desde o polígono da Gándara ata a Porta Nova, pasando pola estrada de Castela.

 

(Na imaxe, a grúa pórtico de Navantia Fene, recén pintada de verde esperanza)

Sociedade

Publica o teu comentario agora