100 Km x 1 Pacto = Pobreza 0

100 Km x 1 Pacto = Pobreza 0

09 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Os movementos sociais integrados na Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD) e na campaña Pobreza Cero percorrerán 100 quilómetros do Camiño de Santiago para difundir o contido do Pacto Galego contra a Pobreza. Este acordo, que as propias ONGD teñen negociado cos partidos políticos ten o obxectivo principal de establecer compromisos firmes e duradeiros na loita contra a pobreza mundial e en materia de cooperaci&oacut

O Pacto Galego contra a Pobreza está inspirado no Pacto de Estado contra a Pobreza, un documento asinado en 2007 por todos os partidos políticos con representación no Congreso dos Deputados. O Pacto Galego, que está previsto que sexa asinado por representantes do PPdG, PSdG-PSOE e BNG o próximo 16 de outubro, recolle compromisos concretos para pór en marcha medidas políticas que requiren o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).

Sobre todo, do ODM oito que se refire ao compromiso político dos países desenvolvidos na loita efectiva contra a pobreza. Unha pelexa que pasa por cambiar as políticas estruturalmente inxustas que condicionan as relacións Norte-Sur en materia de comercio internacional, á débeda externa ou á

calidade e cantidade da Axuda Oficial ao Desenvolvemento, segundo apuntan desde a CGOND. Precisamente, neste último aspecto, o borrador do Pacto Galego contra a Pobreza compromete aos asinantes a “manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento que garanta que, antes do remate de 2017, polo menos o 0,7 % do orzamento consolidado da Xunta dedicarase á Axuda Oficial ao Desenvolvemento”.

Para difundir o contido do que aínda é o borrador do Pacto Galego contra a Pobreza, ás organizacións da sociedade civil galega, en estreita colaboración coas súas organizacións socias en América Latina, África e Asia, percorrerán estes 100 quilómetros de Camiño de Santiago a través de 6 etapas. A primeira, este luns, desde Sarria a Portomarín; o martes ata Palas de Rei; o mércores ata Arzúa; o xoves ata Pedrouzo (O Pino); o venres ata o Monte do Gozo; para rematar o sábado en Santiago de Compostela.

En cada unha das localidades, onde está previsto que pare o grupo de peregrinos, levaranse a cabo actividades de difusión do pacto entre as once da mañá e a unha da tarde. En cada concello o alcalde ou a alcaldesa lerá o manifesto da campaña xunto ao equipo de goberno para difundir o acordo. Igualmente, organizaranse actividades divulgativos arredor dos oito Obxectivos do Milenio, traballarase cos centros educativos e recolleranse firmas a favor do 0,7 % dos orzamentos para Axuda Oficial ao Desenvolvemento.

Sociedade