108 horas de deporte ininterrumpido en Ferrol

108 horas de deporte ininterrumpido en Ferrol

02 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As actividades deportivas danse cita este mes en Ferrol con motivo do proxecto “Coñece Ferrol en 108 horas de deporte”. O concello pretende con esta iniciativa dar a coñecer a cidade á vez que fomenta o deporte entre os cidadáns.

Un total de trinta e dúas asociacións e vintetrés zonas do termo municipal están chamadas a participar neste proxecto. O obxectivo principal é que os veciños participen nas diferentes actividades deportivas e de lecer que terán lugar entre o 22 e o 26 de xullo. Este programa xorde a raiz da petición dos cidadáns de ampliar as xornadas de “Deporte na rúa” celebradas en anos anteriores. “Coñece Ferrol en 108 horas” abarca un total de dezaoito actividades.
Os participantes practicarán deportes acuáticos, xogos populares, poderán facer marchas de sendeirismo e por suposto, tamén terán cabida os deportes colectivos.
Con respecto ás actividades acuáticas os interesados poderanse iniciar no kayak, body board, remo ou surf. Estas disciplinas contarán con monitores e tamén co material necesario, que será cedido polas distintas asociacións deportivas. A chave, as chapas ou a buxaina son algúns dos xogos populares que de seguro chamarán a atención de maiores e pequenos. E como deportes colectivos practicarase o futbol sala, o volei praia o futbol praia e o rugby praia.
A parte de todas estas actividades, o Concello decidiu establecer unha serie de caminatas diurnas e nocturas. As diurnas pasarán pola praza de Armas, Amboaxe, o Cantón de Molíns ou Caranza. As nocturnas centrarán a súa ruta por lugares máis rurais como Covas, Esmelle, San Xurxo ou Doniños. Esta mañá foi presentado no Concello de Ferrol esta proposta de “Coñece Ferrol en 108 horas”, esperando que participe o maior número de veciños posible. É gratuito e calquera persoa, sexa cal sexa a súa idade, poderá participar, fomentando así as relacións interxeracionais.

Sociedade