As 20.00 horas marcarán o devir dunha xornada tranquila de eleccións na Terra Chá

As 20.00 horas marcarán o devir dunha xornada tranquila de eleccións na Terra Chá

01 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Nunha mañá anubada pero sen choiva, agás unhas pequenas gotas que caeron pero non mollaron, a Terra Chá espertou para vivir unha xornada electoral que promete ser de infarto ata última hora. Quizais non tanto nesta terra, onde o Partido Popular domina en case todos os concellos desde aqueles primeiros comicios autonómicos de outubro de 1981.

A ausencia de incidentes foi unha constante nos diferentes colexios electorais da bisbarra. Desde a súa apertura, ben cedo, ás nove da mañá, tan só as tradicionais confusións do lugar onde depositar as papeletas, os despistes e algún esquecemento da documentación interromperon o normal goteo de xente. Quizais o mais destacado foi a actitude provocadora dun mozo vilalbés que, presumiblemente baixo os efectos dunha noite de troula, depositou un sobre nunha urna que non lle correspondía para, a continuación, facelo na mesa na que si estaba facultado para exercer o seu dereito electoral. Os interventores dos diferentes partidos non se puxeron de acordo para impugnar ou non a urna.

De entre os candidatos chairegos, o mais madrugador en acudir perante ás furnas, foi o popular Agustín Baamonde, que votou na mesa situada no Ximnasio do Edificio do Concello de Vilalba contra as 11 horas.

O número cinco da candidatura por Lugo abogou por unha xornada “pacífica e tranquila” e porque a xente non se quedase na casa e votase “con sentidiño para que o cambio chegue a este país”. Baamonde negou que ao PP lle interesase á abstención, xa que a súa campaña loitou pola mobilización do seu electorado, aínda que si él puidese influír para que non acudise o electorado “de esquerdas”, o faría.

A candidata número catro do PSdeG lucense, Sonia Verdes, foi a seguinte en exercer o seu voto. Era 1 e media en punto da tarde cando acudiu ao colexio da parroquia de Árbol en Vilalba. A representante socialista animou a votar aos seus veciños porque “aínda non estaba decidido”, e asegurou ter “unha boa sensación” para hoxe e estar “tranquila”, aínda que estaba seguro que, ao longo da xornada terá “algo de inquietude”.

A representante da Terra Chá nas listas do BNG por Lugo, Pilar Prieto, votará ás 8 da tarde, xa que exerce de interventora da mesa situada na Biblioteca da capital chairega.

Os candidatos esperarán o desenlace tranquilos, pero coa lóxica tensión de quen agarda os resultados dun duro traballo de campaña. Isto será a partir das oito, cando remate o período de votacións e comece o escrutinio.

Sociedade