2.000 persoas xuntáronse en Outeiro de Rei para protestar contra o ERE de Pascual

2.000 persoas xuntáronse en Outeiro de Rei para protestar contra o ERE de Pascual

18 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Preto dunhas 2.000 persoas apoiaron aos traballadores de Pascual de Outeiro de Rei contra o peche da planta que esta empresa ten na vila chairega. O acto, que contou co apoio das principais organizacións sindicais labregas e obreiras galegas, consistiu nunha manifestación que partiu da Casa da Cultura e que percorreu as principais rúas do pobo. Nela se demandou o mantemento dos 155 empregos directos e os mais de 1.000 indirectos vinculados á empresa, aos que tamén hai que

O peche, encuberto como Expediente de Regulación Emprego (ERE), suporá o engrose nas listas do paro de todos os traballadores da planta, ademais do abandono das rutas de recollida, que, como se indicou desde o SLG, “pasarán a entregar o leite a outras industrias, sen que os gandeiros teñan capacidade de decisión sobre a quen lle venden o leite”. Para a súa secretaria xeral, Carme Freire, “este é un problema que afecta non só aos traballadores e traballadoras, senón á toda a comarca da Terra Chá e por extensión a todo o sector lácteo”.

 

Pero á cita tamén acudiron representantes políticos, como foi o caso do propio alcalde do Concello de Outeiro de Rei, o popular José Pardo Lombao, que comentou que o ERE é unha “autentica desgracia para Outeiro de Rei e para toda a comarca, porque tanto os traballadores da planta como os produtores non están só na nosa vila, senón en toda a Terra Chá”. Pardo non negou que é unha situación “moi grave, porque non afecta só a esta fábrica senón tamén a todo o sector lácteo”, e tamén indicou que, desde o concello, están buscando contactos con outras administracións para que tomen “outro tipo de medidas de apoio”.

Apoio do PSdeG

Pola súa banda, o senador socialista, Alberto Lago Lage, presente, xunto cunha ampla representación do PSdeG, dixo que “nin os traballadores, nin os gandeiros son culpables da crise; polo tanto non deben de ser eles os que paguen directamente os custes que supoña”. Lage asegurou que “é unha vergoña que empresas, como Pascual, aproveiten a crise para despedir traballadores para aforrar gastos e pola contra sigan mantendo os seus beneficios”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Lugo afirmou que “todos os socialistas da provincia estamos do lado dos gandeiros, dos traballadores, das súas familias e das súas xustas reivindicacións; estamos en defensa do sector lácteo e en defensa dos postos de Pascual”.

Pola súa parte, a deputada no Parlamaneto de Galicia, Sonia Verdes explicou que o Grupo Parlamentario Socialista ten xa iniciativas presentadas para que a Xunta de Galicia, e polo tanto as consellerías de Medio Rural e de Traballo, intercedan e garantan a recollida de leite a prezo de mercado. “Pedimos que se manteñan os postos de traballo, e que se pague o leite a un prezo digno para os seus produtores. A consellería de traballo non pode esquecer, que a comarca que abarca esta empresa é inminentemente de carácter gandeiro e leiteiro”, sustenta a deputada.

”O impacto deste peche empresarial afectaría a máis de 10 concellos, -continúa a socialista da Terra Chá-. Ademais as consellerías de Traballo e Medio Rural teñen que ter en conta que Pascual recibiu subvencións e, con elas, adquiriu tamén compromisos”. Verdes di que “a Xunta de Galicia debe de esixir que esta empresa do sector lácteo manteña a súa actividade e garanta os 155 postos de traballo directos, ademais dos indirectos”.

A parlamentaria detalla que teñen preguntas na Comisión do Parlamento sobre qué vai facer Medio Rural para garantir a supervivencia da factoría Pascual. Qué accións se levarán a cabo para que cumpra o seu compromiso de recoller o leite aos produtores. En qué termos vai actuar para tratar de obrigar e esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos coa reciba de subvencións nos últimos anos. E, por último, en caso de peche, qué medidas se adoptarán para que Pascual devolva as subvencións e que sanción se lle impoñerá.

Así mesmo os socialistas debaterán no pleno do Parlamento, do vindeiro martes, a súa Proposición non de Lei, presentada a Traballo, para que se garanta a supervivencia da factoría e a recollida de leite aos produtores. Do mesmo xeito esta proposición pretende que se faga cumprir escrupulosamente a normativa para que non prospere o ERE de Pascual.

Sociedade