23 kilómetros de senda verde con vistas á ría de Vigo

23 kilómetros de senda verde con vistas á ría de Vigo

03 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Mañá sábado ás doce do mediodía inaugurase de xeito oficial o roteiro que discorre polas parroquias de Reboreda, Quintela, Saxamonde, Vilar de Infesta, Cabeiro, Santo Estevo de Negros, Cedeira, San Vicente de Trasmañó e Chapela, no antigo Camiño da Auga, así chamado por atoparse anexo ás conducións de augas do río Oitavén ata Vigo.

Este sendeiro ven de ser posto en valor coa realización dunha serie de obras orientadas a mellorar a súa accesibilidade e transitabilidade. Obras consistentes na mellora do firme e desbroce de laterais, revexetación do contorno mediante un plan de recuperación da vexetación autóctona, creación de pequenas áreas de descanso e miradoiros e a recuperación das fontes existentes. O proxecto promovido pola Mancomunidade de Montes Veciñas contou cun orzamento de 180.000 euros dos cales 145.000 foron polo programa Proder II. O presidente da Mancomunidade, Francisco Puch mostrábase satisfeito por un proxecto que se iniciou no ano 2005 e que “permite recuperar para uso e goce dos veciños unha zona cun gran valor ecolóxico e excepcionais vistas sobre a ría de Vigo”. A hora de levar a cabo este proxecto o principal obxectivo foi converter o antigo Camiño da Traída de Augas de Redondela nun corredor verde, mediante a recuperación ambiental do entorno e a dotación da zona con infraestruturas básicas para un mellor goce dos visitantes. A fase que se vai a desenvolver a continuación consistirá nunha campaña de promoción co obxectivo de dar a coñecer o Roteiro.

Sociedade