25 de novembro

San Sadurniño, tínguese de negro contra a violencia de xénero.
21 de Novembro, 2018 - 10:41 h. | Publicada por Radio Fene

Unha Mesa Redonda o día 24 reunirá a dúas víctimas da violencia machista e dúas expertas nesta problermática. Unha exposición e un obradoiro de autoprotección completan as celebracións en San Sadurniño, concello que fai parte da campaña "En negro contra as violencias"

O Concello de San Sadurniño adianta un día os actos centrais con motivo do Día Internacional da eliminación da Violencia contra a muller, propoñendo para o sábado 24 varias actividades.

A Palestra

Pola mañá organiza o VII Encontro de autoprotección na Casa da Xuventude para aprender a controlar situacións potencialmente violentas e, xa pola tarde, o centro de atención trasladarase á Casa da Cultura cunha mesa redonda onde analizar esta lacra social desde distintos puntos de vista. Para iso a área de Igualdade reunirá a catro mulleres que coñecen de preto o problema, dúas delas pola súa profesión e dúas por telo vivido en primeira persoa e con consecuencias certamente dramáticas que exceden o imaxinable. A palestra comezará ás 17.00h. Na palestra participarán Arantxa Domínguez e Margarita Dopico  "sobrevivintes do maltrato". A concelleira Ana Belén Breixo destaca "a valentía destas mulleres por dar o paso de contar o seu caso, de falar da súa experiencia abertamente, pensando en como o relato das súas vivencias dolorosas pode serlles de axuda a outras mulleres para fuxir a tempo da violencia". Canda Dopico e Domínguez sentarán arredor da mesa dúas expertas moi próximas á lacra da violencia de xénero.

Dunha banda asistirá Pilar Fernández, fiscala de violencia de xénero do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en Santiago que acumula unha ampla experiencia neste ámbito e no da igualdade, tanto pola súa profesión como polos traballos de investigación que ten feito, entre eles un estudo da presenza feminina na carreira fiscal. Ademais tamén foi unha das comparecentes en 2009 perante a Subcomisión para o estudo do funcionamento da lei integral de medidas contra a violencia de xénero, constituída no seo da Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados. Canda estas tres participantes tamén fará as veces de moderadora a educadora social Noelia Rodríguez. Experta no tema que se vai tratar, activista e feminista, Rodríguez coñece ben como se produce e se reproduce a violencia contra das mulleres e os xeitos moitas veces sutís en que a tradición patriarcal e a cultura manteñen vivo o machismo. Recomendamos recordar o que dixo hai un ano volvendo ler a peza que publicamos daquela.

Exposición

A mesa redonda organizada polo departamento municipal de Igualdade comezará sobre as 17.00h. e irá seguida da actuación de danza contemporánea e reivindicativa "Entre nanas e cascallos", dirixida por Xiana Vilas. Ademais, o recibidor da Casa da Cultura tamén acollerá durante a xornada a exposición “En Feminino”, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa. Son catro obras acrílicas de pequeno formato que comparten como eixo temático a reafirmación feminina en contraposición co machismo e a violencia de xénero. Os cadros compartirán espazo cunha pequena montaxe en forma de cubo. cargada de mensaxes relacionadas coa concienciación.

Cómpre lembrar, por outra banda, que segue aberto o prazo de inscrición no VII Obradoiro de autoprotección ante a violencia de xénero que se desenvolverá na Casa da Xuventude a partir das 10.30h. Ofértanse 10 prazas, ademais dun servizo de conciliación para as participantes con fillas e fillos dunha idade entre 5 e 11 anos. É necesario apuntarse chamando ao 981 490 027 ext. 1. O prazo para facelo finaliza este xoves 22 de novembro. Como remate da primeira parte do día, as participantes compartirán xantar.

En Negro contra as violencias

Paralelamente, o Concello volveu suscribir o protocolo da campaña En Negro contra as violencias, que busca tinguir de negro e de mensaxes o ámbito público ao longo de todo este mes. Desde onte está pendurada na fachada principal da casa consistorial unha grande pancarta co lema principal. Pero hai máis, xa que Igualdade distribuirá nos próximos días entre clubes e entidades unhas 300 bolsas de tea, 300 chapas, 300 pulseiras, 50 camisetas e 100 mochilas.

Institucional

Publica o teu comentario agora