2500 euros en premios no VIII Festival de Comparsas

2500 euros en premios no VIII Festival de Comparsas

23 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O departamento de Cultura do Concello de As Pontes abriu hoxe o prazo para inscribirse na que será a oitava edición do Festival de Comparsas, unha cita que se celebrará o domingo de Antroido, 6 de marzo, no auditorio municipal Alovi e que, ano tras ano, logra un gran éxito de público.

En 2010 un total de cinco agrupacións participaron nesta cita e para este ano poderán inscribirse un máximo de sete comparsas entre as que se repartirán 2500 euros en contías idénticas. Asemade, segundo adiantaron dende a concellería que dirixe Eva Conde, para este ano está previsto incluír novos premios xa que se repartirán, entre os participantes un agasallo especial para galardoar á comparsa con mellores letras, a que presente o mellor vestiario e, finalmente, a que realice a mellor interpretación. 

Ata o 2 de marzo as agrupacións que decidan tomar parte nesta cita tan emblemática do antroido pontés poderán formalizar a súa inscrición no departamento de Cultura, de luns a sábado en horario de 10.00 a 13.30. 

As condicións son semellantes ás de convocatorias anteriores xa que cada comparsa deberá contar como mínimo con 10 integrantes, vestidos cunha mesma temática. Asemade, será imprescindible presentar, como mínimo, tres cancións que deberán contar cunha letra en galego e con acompañamento musical. 

Ademais de actuar no Festival de Comparsas que dará comezo ás 18.00 horas, as agrupacións participantes deberán tomar parte no desfile de antroido que se celebrará o8 de marzo.

Sociedade