25N Basta xa.

A activista Amelia Tiganus fala o dia 9 de xaneiro na Casa da Cultura de Fene.
22 de Novembro, 2019 - 11:53 h. | Publicada por Radio Fene

Actividades para persoas miúdas e adultas programa o concello de Fene con motivo do 25N. A constitución dunha Mesa Local contra a violencia de xénero é unha das iniciativas previstas.

ESCOITA O PODCAST:

Fene implícase na conmemoración do 25 de novembro Dia contra a violencia de xénero. As rúas e establecementos comerciais locen carteis malvas con lemas alusivos ao dia. Ata quince lemas diferentes, todos eles advertindo da violencia contra as mulleres. Falamos con Juana Barro, a concelleira de Igualdade de Fene.

A concellería de Benestar e Igualdade programou unha serie de actividades arredor do 25N que inclúen a todo tipo de persoas. Para os máis pequenos hai Maxia pola Igualdade na casa da Cultura o xoves 28 con Leo Leíño. E os centros escolares recibirán desde o proximo luns 25 o contacontos “As Cores”. O luns visitará Os Casais e a escola Unitaria de Sillobre. O resto irán participando ao longo da semana.

Para persoas adultas estanse a desenvolver, o programa de autoestima INDIRA, e accións en favor da igualdade como o curso para o manexo do móbil e o computador no que participan 10 mulleres. Fene quere conformar a “Mesa Local de coordenación interinstitucional contra a violencia de xénero” Para iso celebrará un curso de formación para o persoal municipal, médico, axentes sociais, do ensino, etc. entre os meses de novembro e decembro. O obradoiro “A saúde, unha cuestión de xénero” está previsto para primeiros de decembro.

O prato forte chega en xaneiro coa presencia da activista Amelia Tiganus o dia 9 de xaneiro na Casa da Cultura de Fene, ás 19.00h. Falará de “Prostitución e pornografía como violencia sexual comercial” Ese mesmo dia, xoves 9 e o venres 10 de xaneiro, Tiganus dará charlas no IES Fene e centros de educación secundaria adaptadas ao alumnado maior de 15 anos.

(No centro da imaxe, Juana Barro e Eva Sayago, nunha mesa redonda coas mariscadoras de Barallobre con motivo dun 8 de marzo)

Institucional

Publica o teu comentario agora