25N na rúa

Un minuto de silencio diante das institucións e concentracións na rúa
25 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A pandemia devolveu ás mulleres á esfera íntima e doméstica e ao confinamento cos seus agresores. Para non confinar o 25N, a MMM convoca concentracións e manifestacions nas cidades galegas.

ESCOITA O PODCAST:

A Delegación do Goberno cifra en 1.074 as víctimas mortais por violencia de xénero desde o 1 de xaneiro de 2003 -desde que hai un rexistro- hasta o dia de hoxe. As últimas cifras oficiais do 13 de novembro de 2020 arroxan que no que vai de ano son 41 as mulleres que morreron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia. As estatísticas dín que a maioría (41%) destas mulleres tiñan entre 31 e 50 anos de idade e deixaron orfos a 23 menores de 18 anos. A causa da pandemia, a Delegación do Goberno, convocou unicamente actos públicos de 1 minuto de silencio ás 12 do mediodía do mesmo 25 de novembro.

A esa mesma hora, en Ferrol, convoca a CIG unha concentración na Praza Amada García. O mesmo lugar no que a MMM quere evitar que o 25N quede confinado neste ano de pandemia. Baixo o lema “25N na rúa” a MMM néganse a que a visibilización da violencia machista fique confinada en 2020. Respectando as normas sanitarias de seguridade, non renuncian a levar ás rúas o feminismo, precisamente nun momento en que menos visible é a violencia machista.

A pandemia devolveu ás mulleres á esfera íntima e doméstica e ao confinamento cos seus agresores, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema. Segundo as palabras de Lucía Vizoso en nome da delegación comarcal da MMM, durante a pandemia as institucións paralizaron a maior parte dos servizos de prevención e atención a mulleres que sofren a violencia machista, os xulgados pararon procedimentos de custodias, conflitos e todo tipo de procedimentos víronse aprazados. A protección das vítimas nunca foi considerada unha “ actividade esencial”. A portavoz da coordinadora comarcal de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres, Lucía Vizoso, engade que pechar as escolas infantís, os centros de ensino ou os centros de dia, sen adoptar medidas públicas de coidado de menores e persoas dependentes, obrigou a mulleres asalariadas a reducir as súas xornadas laborais para quedar a cargo das familias. Mais outra vez demostrouse que o peso dos coidados recae nas mulleres.

As manifestacións arrancarán ás 19h da Vía Norte viguesa, a Subdelegación do Goberno en Ourense e a Praza Amada García en Ferrol. Ás 20h as citas son na Praza do Obradoiro compostelá e no Obelisto en A Coruña. 

 

(Obra de Viki Ribadulla "Muller de auga" para Eau de femme)

Sociedade

Publica o teu comentario agora