70 millóns de euros para a concesionaria do hospital de Vigo

70 millóns de euros para a concesionaria do hospital de Vigo

01 de Abril, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A Xunta de Galicia entregará este ano 2016 setenta millóns de euros á empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Segundo denuncia a plataforma SOS Sanidade pública, 42 millóns de euros corresponden ao prazo anual pola construción do hospital, e 27 millóns máis pola privatización de servizos non clínicos (restauración, lavandería, mantemento, limpeza ou transporte interno, entre outros).

Galicia continúa entre as comunidades autónomas cun maior grao de privatización sanitaria, só superada por Madrid, Catalunya e Balears, segundo salienta o xornal dixital Praza. Son, estes catro territorios, os que levan ocupando os catro primeiros postos deste ránking elaborado pola Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) a partir dos seus informes sobre A privatización sanitaria das CCAA. No terceiro destes balances, destácase que "a privatización aumentou en todas as autonomías" e que "o resultado e os movementos na clasificación só recollen a maior ou menor intensidade que acadou en cada comunidade en concreto".

    Galicia baixa un posto no ránking pero segue a estar incluída no grupo dos sistemas sanitarios cun "elevado grao de privatización"

Galicia, que ocupou o podio da privatización nos últimos dous informes, baixa agora ata a cuarta posición, pero segue a estar incluída no grupo de "elevado grao de privatización", tal e como destaca FADSP, que repara no feito de que as catro autonomías ocupasen ese negativo liderado en canto á súa sanidade nos últimos anos. Pola contra, Extremadura e Castilla-La Mancha ocupan os dous últimos postos nos tres documentos elaborados pola Federación.

Sociedade