8 anos do desastre do Prestige

8 anos do desastre do Prestige

13 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Tal dia como hoxe do ano 2002, o petroleiro Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel oil lanzou un SOS a unhas 28 millas de Fisterra. Comezou a maior catástrofe ecolóxica da costa galega. Oito anos despois os expertos continuan reclamando a prohibición dos petroleiros monocasco en todo o mundo. Advirten do risco para o futuro do planeta que representa a navegación destes buques.

O enxeñeiro Primitivo B.González explica esa demanda nun artigo incluido no libro "A lección do Prestige" publicado por varios autores en Candeia Editora.O volume aborda as consecuencias do accidente dende diferentes puntos de vista.

 

O Prestige, afundiríase seis días despois tras verquer ao mar a súa carga de combustible contaminante. Porén, aínda haberá que agardar até mediados de 2011 para que se celebre o xuízo no que deben depurarse as responsabilidades da desfeita. O Pazo de Congresos da Coruña perfílase como posible sede do que será unha multitudinaria vista xudicial que marcará a actualidade galega nos próximos meses.

 

Ademais este mesmo mes, nun prazo de 15 dias, o Goberno deberá explicar en Europa qué medidas adoptou para cumprir a súa Directiva do 2009 sobre tráfico marítimo, que pretende evitar traxedias como a do 2002. O executivo tamén ultima un novoo Sistema Nacional de Resposta, protocolo polo que se rexirá a xestión de catástrofes terrestres e marítimas. Fomento asegura que o vindeiro verán estará operativo o novo plan de actuación.

 

 

 

Sociedade