90 anos de xadrez

90 anos de xadrez
09 de Febreiro, 2021 - 11:39 h. | Publicada por Radio Fene

A serie de Neflix "Gambito de Dama" está a ter un impacto moi importante. Xente nova achégase ao xadrez e outros retómano. "Cando se da un fenómeno así, sempre ten un golpe de efecto” declara o noso convidado, Juan Vicente Rodríguez Rey, quizás a persoa que máis sabe sobre a práctica do xadrez en Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:

O mes de ven celébrase o 90 aniversario do primeiro club de xadrez independente, fundado pola peña ferrolá xusto un mes antes da proclamación da República en 1931. “Estalou a guerra e á metade daqueles homes matáronos. Ata o ano 1959 non se retomou con socios de toda a provincia” relata  Juan Vicente quen chegou ao club de xadrez ferrolán en 1977. Con estes datos podemos comprobar a gran tradición xadrecística da cidade departamental que na actualidade ten nada menos que 800 licencias de xadrez e tres clubs federados; o Círculo ferrolán de xadrez, o Club de xadrez Grupo Bazán e a Escola ferrolá de xadrez. Falando deste deporte, que non é olímpico de momento porque os pasos son complexos, defende Rodríguez Rey que a vida dun xadrecista de elite é tan dura como a doutros deportes. Como mínimo deben adestrar entre 5 e 6 horas diarias. Hai tempo, na URSS, téñense dado casos de 12 horas de entrenamento entre as grandes figuras. “É un deporte moi esixente” confesa o noso convidado quen, sen ser nunca xogador profesional, nunha partida de fin de semana podía perder un quilo e medio de peso.

“Levo 39 anos nisto e nunca vin que no xadrez se fixeran diferencias de sexo ou doutra clase” afirma Juan Vicente R. Rey. “Sempre xogamos mesturados, nunca houbo diferenciación”. Cóntanos que antes se entregaban os trofeos ás mulleres e homes por separado pero iso xa se acabou hai tempo. Sempre escoitamos dicir que o xadrez é un deporte con moitas vantaxes intelectuais. Confírmano as investigacións realizadas nos anos 80 e 90 na Europa Oriental. Buscaban detectar nas crianzas as facultades que tiñan os xogadores da elite e levaron sorpresas. “As perfeccións dinámicas eran máis activas nos xogadores de xadrez que noutros deportistas”. Descubriron que o cerebro medra razoablemente ben ata os 9 anos, por iso programaban a aprendizaxe antes desa idade, antes de que a códea exterior endureza. “O ideal é comezar aos 4 ou 5 anos e ser moi constante e ordenado, como en todos os deportes”.

Cóntanos Juan Vicente que nas Olimpíadas Matemáticas, dos dez primeiros clasificados, sete son xogadores de xadrez. Con isto demóstranse as grandes calidades que aporta este deporte. Ao tratarse dun deporte individual, a responsabilidade é sempre persoal, “non hai árbitro a quen botar a culpa”, por non falar dos beneficios sociolóxicos. Ferrol ten un equipo na segunda categoría nacional (con xogadores propios e sen fichaxes de fora) e Mestres con nomes e apelidos: Diego Guerra, Antonio Pazos e Pablo Fernández Borrego. E unha muller, a Mestre da FIDE, Inés Prado, a única muller que gañou o Campionato Galego Absoluto, homes e mulleres; e polo que sabemos, único caso en España. Quixo destacar tamén Juan Vicente aquela iniciativa municipal, sendo alcalde Xaime Bello, pola que se introduciu o xadrez nas escolas dentro do horario escolar, aínda que só fose media hora semanal, entre o alumnado de 4 a 8 anos. “Despertou moito interese” conclúe Rodríguez Rey. (Na imaxe)

Deportes

Publica o teu comentario agora