Aí ven o maio de xanela en xanela

Aí ven o maio de xanela en xanela
30 de Abril, 2020 - 12:50 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos hoxe con Lupe Ces dunha iniciativa colectiva para celebrar os maios en Ferrol e comarca, a pesar do confinamento e da situación extraordinaria que estamos vivindo. Colguemos os maios das xanelas o 2 e 3 de maio.

ESCOITA O PODCAST:

”Quien me ha robado el mes de abril” cantaba Sabina e os galegos e galegas preguntámonos, quen nos rouba o mes de maio? Resistímonos a que así sexa. Estamos plantando o ceboliño, intentando que Carvalho Calero non quede sen a súa homenaxe o 17 de maio e tampouco queremos perder o maio, unha festa de fondo arraigo popular que celebraba o final do inverno e a chegada da primavera coas boas colleitas.

Ía a pandemia estragar a celebración máis bonita do ano en Galicia? Non. As xanelas e balaustradas, que veñen sendo na actual situación o lugar de conexión cos demais, servirán tamén para festexar en comunidade que estoupa a primavera. En Ferrol e na comarca xa se converteu nunha proposta colectiva e moi ampla festexar o maio pendurando das xanelas os adornos florais que renden homenaxe á vida despois do cru inverno. Desde a agrupación A revolta de Trasancos, empeñada en recuperar as festas tradicionais, Lupe Ces, anímanos a celebralo a pesar do confinamento.

Na fin de semana, sábado 2 e domingo 3, colguemos das xanelas e balcóns os maios naturais, na medida que poidamos facernos con fiúncho e flores, cascas de ovos e laranxas, e cos elementos que poidamos conseguir na casa. Propón anacos de tea verde, plásticos, papel, ganchillo. Conta Lupe Ces que as máquinas de coser están a pleno rendemento e que nas redes poden verse xa imaxes dos preparativos que denotan moita imaxinación e creatividade.

As equipas de normalización lingüística da cidade tamén pediron aos mestres e mestras que propaguen a idea entre o alumnado e preparan nas casas murais alusivos ao maio. A AVV de Canido argallou concertos musicais a través da rede suplindo a programación prevista no barrio que este ano tiveron que suspender. Narón, que tamén celebra os maios intensamente cada ano, súmase á celebración en “modo alarma sanitaria”.

“Esta celebración do Maio en plena epidemia vainos conectar coa celebración do ano que ven” agarda Lupe, para quen esta primavera a natureza está máis libre e máis florida que nunca a causa paradoxalmente do confinamento. “É unha situación da que estamos aprendendo moitísimo” afirma Lupe Ces cando lle preguntamos por como pasa este encerro forzoso. E conclúe, “vai depender de nós e da nosa resiliencia que o pobo saia reforzado desta pandemia”.

(Na imaxe, creación de maio de Chus Ces para colgar da súa xanela)

Cultura

Publica o teu comentario agora