Abelardo Seoane, a enciclopedia das árbores

Abelardo Seoane, a enciclopedia das árbores
13 de Abril, 2020 - 02:01 h. | Publicada por Radio Fene

O veciño de Magalofes, Abelardo Seoane, é unha enciclopedia sobre plantas e animais. Sabe de esquexes e de sementes e gábase de lograr que prendan todas as árbores.

ESCOITA O PODCAST:

O único ao que tivo qie renunciar Abelardo Seoane, veciño de Magalofes- Fene por culpa do coronavirus, foi ao café que ía tomar polas mañás. “Cando se podía sair ía tomar o café. Agora non se pode pola enfermedade esa” cóntanos Abelardo, un home de 90 anos que vive por e para o cultivo das árbores. Hai un mes recibiu a visita de 33 persoas da Asociación Galega da Camelia con motivo da Exposición que cada ano se fai en Narón. El foi agasallado nesta edición coa visita de amantes da camelia de moitos lugares do norte da península.

“Teño árbores que non coñeces” espetalle a Henrique Sanfiz o señor Abelardo, provocándoo para que o visite en canto se poida andar pola estrada. A maioría desas árbores son “roubadas” bromea Abelardo Seoane, explicando que cando ía ás excursións do INSERSO, por Santander ou Andalucía, cortaba polas das especies que lle gustaban coa navalla, e todas lle prendían. Tamén está fachendoso dos frutais e entre eles das maciñeiras. O ano pasado recolleu 16 caixas de mazás e ainda lle duran. Ten varios tipos de pexegos e peras no lugar do Feal onde reside. Vive pouca xente neste lugar, conta, entre eles seu irmán que fixo casa ao retornar de Suiza, e dúas casas mais, o resto morreron todos. “Nun día enteiro non se ve a ninguén” afirma Abelardo que se lembra acto seguido dos castiñeiros que ten noutra finca e outra máis de 4 ferrados con camelias e olmos “algún é tan vello que non o dan abrazado entre dous homes” dí satisfeito.

“Cando morra, se é que morro, non sei como será” sentencia este veciño de Magalofes que confesa querer ben ao raposo, que segue visitando O Feal. “É un animal moi listo e observador” tal e como o define Abelardo, bo coñecedor da fauna do lugar. Ese coñecemento natural lévao a informarnos de que hai 5 ou 6 anos que xa non canta o cuco por eses lares. “Antes viña sempre, e as rulas e as anduriñas que agora veñen poucas… Non sei que pasa” pregúntase ou pregúntanos Abelardo Seoane aos seus 90 anos.

(Imaxe de arquivo. Festa do cabalo de Magalofes. Agosto 2007)

Sociedade

Publica o teu comentario agora