A abstención tería a última palabra

A abstención tería a última palabra
07 de Xullo, 2020 - 10:36 h. | Publicada por Radio Fene

A única posibilidade que ten a esquerda de gañar as eleccións en Galicia é que haxa unha gran abstención dos maiores de 60 anos, sector no que o PP colleita máis votos. Son palabras do filósofo e escritor, Antón Baamonde.

ESCOITA O PODCAST:

“O PP fará todo o posible para que as eleccións se celebren” afirma o filósofo e escritor, Antón Baamonde. “Dado que as enquisas lle dan a maioría absoluta, non lles convén adialas”. Segue dicindo que o coronavirus afecta máis aos maiores de 60 anos, sector no que o PP ten a porcentaxe máis alta de voto. “Se se estende o medo entre esa xente, todo estaría en cuestión”. É dicir que a única posibilidade de que a esquerda gañe é que haxa unha gran abstención dos maiores de 60 anos que, por outra parte, son os electores máis activos.

Que ten a favor e en contra Núñez Feijoo?.

Baamonde parte de que é bo candidato máis aló de que a súa xestión deixe moito que desexar. No seu haber, afirma, ten todo o sistema de medios de comunicación que é moi dependente das subvencións do poder público e en xeral son moi conservadores. “Practicamente non hai crítica á acción de goberno da Xunta” e pon un exemplo de hoxe mesmo no que a prensa saca importancia á gravidade do rebrote da Covid19 na mariña lucense. Tamén mete no haber do candidato popular a súa eficación cadrando as contas, cualificándoo de " bo contable pero mal xestor”.

O BNG dará o sorpaso?

O espazo da Marea levou un número de votos que agora van migrar para o BNG e o PSOE. Opina Antón Baamonde que hai unha porcentaxe de votantes que non está atada a ninguén e o BNG ten que “currarse” ese voto. Para Baamonde máis que méritos, o BNG aproveita o demérito dos demais porque “a xestión da Marea foi un disparate”. Achaca Antón Baamonde á esquerda as “listas internas” para consolidar o poder dos grupos dirixentes, pero pouco competitivas co PP. Suxire que poderían ter solicitado a concorrencia de persoas que sí o fosen. E conclúe que “ son moi dependentes das súas dinámicas internas e La Voz de Galicia márcalles o ritmo”.

Que pasará en Euskadi?

Baamonde é radical afirmando que o poder do PNV é incontestable e non se poñerá en cuestión nesta convocatoria. O suspense está en coñecer quen será o socio. “Os vascos cren que en Euskadi se vive ben e teñen argumentos para defender iso”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora