Acábanse os Barrié

Acábanse os Barrié

27 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A condesa de Fenosa Carmela Arias morreu esta mañá aos 89 anos de idade. Era a presidenta da Fundación Barrié de la Maza e foi a primeira muller que presidiu un banco en España, ao facerse cargo do Pastor. O seu home Pedro Barrié presidiu Astano dende 1948 ata 1971. Carmela Arias y Díaz de Rábago casou en 1966 con Pedro Barrié de la Maza, fillo dun primo carnal.

O ex presidente da Xunta Manuel Fraga e o presidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro manifestaron o seu pesar e gabaron o labor de promoción da cultura que Carmela Arias impulsou dende a Fundación Barrié.

 

Pedro Barrié e Carmela Arias levaban as rendas de Astano nos anos do seu desenvolvemento. No ano 1963 comezarán as obras de ampliación dos diques, gradas e demais instalacións destinadas á construcción de petroleiros de grande tonelaxe. En 1973 o estaleiro convertiráse nunha empresa pública, ao mesmo tempo que se produce a súa especialización na construcción de grandes petroleiros. Este tipo de actividade xenerou importantes necesidades de inmobilización de capital durante as fases de construcción, o que creou problemas de liquidez que foron afrontados polo Instituto Nacional de Industria participando co 60% do capital da empresa, xunto co Banco Pastor que detentaba o 27,9% e diversos accionistas o 12,1%. Así o reflexa o historiador Carlos Ferrás no seu libro Desenvolvemento urbanístico e económico en Fene. Séculos XIX e XX.

Sociedade