Acabar coa precariedade dos sanitarios

Acabar coa precariedade dos sanitarios
26 de Xuño, 2020 - 11:36 h. | Publicada por Radio Fene

Os sindicatos esixen melloras laborais para os profesionais do ámbito sanitario que lle garantan á poboación unha asistencia sanitaria de calidade. Unha marcha convocada mañá sabado en Santiago defenderá o fín da precariedade na contratación.

Os sindicatos CCOO, CIG e UXT instan á Xunta de Galicia a emprender unha negociación "seria" no seo da mesa sectorial para abordar o necesario reforzamento da sanidade pública galega. O sindicato esixe melloras laborais para os profesionais, de xeito que se lle garanta á poboación unha asistencia sanitaria "pública e de calidade". Ata o momento, nin a Consellaría nin o Sergas tiveron en consideración as propostas e solicitudes remitidas polos sindicatos. Rexeitaron peticións como o cobramento da atención continuada para o persoal de baixa laboral por COVID-19, a concesión dun permiso dunha semana ao persoal que traballou durante a emerxencia sanitaria ou a recuperación dos tres días de libre disposición, entre outras.

Por outro lado, cómpre negociar un acordo que remate xa coa "precariedade na contratación", dote de estabilidade laboral as traballadoras e os traballadores, incremente os cadros de persoal e acabe coa fragmentación de contratos. Para todo isto, urxe a eliminación da taxa de reposición e a convocatoria de todas as vacantes xeradas nestes anos. Por último, os tres sindicatos, CCOO, CIG e UXT convidan a toda a clase traballadora a participar na manifestación apoiada polas distintas plataformas de profesionais da sanidade, para mañá sábado, 27 de xuño, pola contratación estable na sanidade pública. A marcha partirá ás 12 horas da alameda de Santiago de Compostela.

Sociedade

Publica o teu comentario agora