Acto reivindicativo a prol das seleccións deportivas galegas

Acto reivindicativo a prol das seleccións deportivas galegas

28 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Tras o éxito de público e organización do partido da selección galega de fútbol, celebrado o sábado 27  no estadio de Santa Isabel de Santiago de Compostela, este luns a reclamación das seleccións trasládase á Praza do Obradoiro. O mundo do deporte e grande parte da xuventude non entenden as razóns da Xunta de Galicia para eliminar os combinados que levaban na camisola a bandeira azul e branca.

Será o luns, ás 12 do mediodía na compostelá Praza do Obradoiro. O BNG convocou un acto reivindicativo a prol das seleccións deportivas galegas e en denuncia da actitude da Xunta de non prestar apoio institucional a encontros como o deste sábado. No acto, está previsto que participe o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, ademais de deportistas e afeccionados.

Os nacionalistas destacan que o obxectivo da concentración é "conseguir que Galiza estea presente en eventos deportivos do máximo nivel". Consideran necesario continuar coa aplicación de políticas "de fomento da identidade no deporte como as iniciadas pola anterior Consellaría de Cultura e Deporte" e acusan a Feijoo de iniciar un proceso involutivo coa súa negativa a apoiar a consolidación das seleccións".

Finalmente, avogan por "apoiar e manter activas" as seleccións como "sinais de identidade nacionais", de xeito que poidan competir "en igualdade de condicións con outros países".

Deportes