A actriz Cristina Mariño dirixirá a Escola Municipal de Teatro de Vilalba

A actriz Cristina Mariño dirixirá a Escola Municipal de Teatro de Vilalba

18 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Escola Municipal de Teatro de Vilalba presentou o seu novo curso cunha nova cara. A actriz ferrolá Cristina Mariño substituíu á antiga profesora e responsable da Escola, Teresa Castro, co obxectivo de “consolidar o magnífico percorrido que estivo a levar a cabo a Escola ata o de agora”. O período de inscrición para este novo curso está xa aberto e durará ata o 15 de outubro, data na que se presentará cun espect&aacut

O concelleiro de cultura do municipio chairego, José María García-Leira Boado, foi o encargado de presentar á nova incorporación desta institución cultural chairega, e non perdeu a ocasión de recoñecer o traballo da anterior directora, Teresa Castro. “É preciso agradecer o gran traballo que fixo a directora e profesora saínte, Teresa Castro, cuxo traballo permitiu mellorar a Escola e atraer a xente nova cada ano, especialmente aos mais xoves”, dixo García-Leira. Sen embargo, indicou que non se debe “perder a ilusión” e que esperan “unha gran labor nesta nova etapa”.

 

 

Pola súa banda, Cristina Mariño admitiu ter unhas expectativas altas, debido “ao bo clima de traballo que percibín nos alumnos, tanto os mais pequenos como os adultos”. Considerou que se debe “seguir na liña actual”, aínda que aportando “cousas de colleita propia”, para que o proxecto “poida evolucionar”.

 

Entre os obxectivos principais do curso 2009-2010 estarán a formación en autoexploración e a empatía, para o que se aumentarán as clases de capacidade expresiva e comunicativa, ademais “de facilitar as posibilidades de poder empatizar coa xente e co resto do noso entorno”.

 

Así, os principais exercicios da programación estarán destinados, segundo Mariño,  “á desinhibición e a activación do corpo, tanto desde a voz como desde a consciencia do propio corpo”. A improvisación e a imaxinación serán outros dos piares sobre os que se sustentará o ano académico, ademais de tocar aspectos como a análise de textos e a teoría e a historia do Teatro.

 

En canto ás actividades externas haberá unha función para o día do enterro da sardiña, que se quere recuperar desde o Concello, así como a tradicional función de fin de curso, cunha clase aberta en abril para os pequenos e cunha montaxe para os adultos, en xuño.

 

Cristina Mariño e unha actriz que ten unha experiencia de 14 anos tanto no teatro amateur como profesional e ven de actuar coa compañía coruñesa Femme Fatale. Ademais, ten formación gracias ao ciclo de Escola de Teatro de Narón, onde compartiu táboas con actores tan nomeados como José Luis Prieto ou Lino Braxe.

 

Todos aqueles que queiran formar parte da Escola Municipal de Teatro de Vilalba poden apuntarse na oficina de Cultura do Concello  de 9 a 15 horas ata o vindeiro 15 de outubro.

Cultura