A actriz Luma Gómez foi a Micaela de Castelao

A actriz Luma Gómez foi a Micaela de Castelao
15 de Abril, 2020 - 10:55 h. | Publicada por Radio Fene

Cúmprense 50 anos da representación de "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao no teatro Xofre de Ferrol. Falamos coa protagonista, coa Micaela en abril de 1970, a actriz ferrolá Luma Gómez.

ESCOITA O PODCAST:

Foi a Micaela de “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao na representación da obra no Teatro Xofre de Ferrol no mes de abril de 1970, hai agora 50 anos. Sorpréndese a actriz ferrolá Luma Gómez cando lle dicimos que hai 50 anos daquela representación. Luma Gómez era nese momento unha mociña que entrou no teatro a través do instituto e do grupo Teatro Estudio coa peza “As suplicantes”. Daquela época quedan algúns no teatro como é o caso de Luma, de Elina Luaces ou Eduardo Alonso.

Aínda que Luma Gómez non fose consciente da relevancia daquela representación no Teatro Xofre de Ferrol, aquel día de 17 abril de 1970 pode considerarse extraordinario na cidade porque se representaba unha obra de Castelao e porque se facía en galego, todo un reto social no tardo franquismo, pero franquismo a fin de contas. Recoñece Luma que efectivamente daquelas todas as obras se representaban en castelán pero ela era tan noviña que non maliciaba nin sentía que supuxese  ningún risco ou perigo. O mérito é do director do grupo de teatro afeccionado Talía, Bayolo, un home que profesionalmente se adicaba á óptica pero cuxa afección polo teatro era moi grande.

Lembra Luma Gómez que aquel día o patio de butacas do Xofre estaba cheo e que a función resultou exitosa, si ben é certo que “naqueles anos as cousas culturais que se facían en Ferrol tiñan moito eco” apunta a actriz ferrolá. Ela era a Micaela, a protagonista. O vello Saturio, o boticario na peza de Castelao, cantaba unha canción a Lela, ensoñado de cando era universitario e cantaba na tuna (como Castelao). Como Ferrol é moito Ferrol, na obra introduciuse a participación dunha rondalla para arroupar esa cantiga que se faría tan popular co paso do tempo.

Para facérmonos unha idea do ambiente teatral, naquel momento en Ferrol estaba o grupo Teatro Estudio no que se iniciou Luma Gómez, cunha traxectoria xa moi importante antes de chegar ela. Lembra que a compañía facía teatro en castelán pero moi vangardista “moi moderno” en palabras da actriz. Representaban a Albert Camus ou a Bertolt Brecht. Entre outros actores contaba con Carlos Perille ou Viqui Taibo. “Foi unha boa escola de teatro” sentencia Gómez.

Daquel pasado glorioso damos un salto ao presente na conversa con Luma Gómez para escoitar da súa boca que a situación actual do teatro, en plena crise sanitaria, “é horrible”. Afirma que “as autoridades, moito para aquí, moito para alá, pero de momento nada”. Ela tivo que cancelar varias funcións que quedaron no aire e sen saber cando as recuperará. É ben certo que a xente da cultura sempre é a última.

(Na imaxe, Luma Gómez caracterizada para a comedia "As damas de Ferrol" de 2002)

Cultura

Publica o teu comentario agora