Adán: A Industria Galega vive a primavera negra

Adán: A Industria Galega vive a primavera negra

23 de Maio, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A  portavoz  de Industria  do BNG, Carme Adán compareceu hoxe ante os medios de comunicación para presentar diversas iniciativas dirixidas a frear a destrución do tecido industrial galego. Na súa intervención, Adán lamentou que o Partido popular gaste as súas enerxías en “reducir a democracia” cando o tecido industrial galego está a vivir o período “máis negro” da súa historia. A d

No mes de abril, dixo, perdéronse postos de traballo en T-Solar, Pórtico, Unísono, Caramelo, Gamesa e  materializáronse EREs nas empresas auxiliares de automóbiles. O sector eólico vive nunha “absoluta parálise” ante  a “inoperancia” da Consellería de Industria e e unha actitude de “mero espectador” por parte do Goberno de Feijóo.

Pescanova.

Para a nacionalista,   esta   “sangría de postos de traballo” no tecido industrial galego verase incrementada se non se arranxa definitivamente a grave situación económica pola que atravesa Pescanova.
“O conselleiro de Industria, debe comparecer no Parlamento” e explicar o que está acontecendo co tecido industrial galego no que nos últimos catro anos foi destruído o 60 por cento na comarca de Vigo, “nós estimamos, engadiu, que esta  realidade é extensible a toda Galiza” de aí a nosa reclamación para que compareza Conde na Cámara galega.
Ao seu xuízo, o titular de industria debe explicar que plan de “viabilidade para Pescanova”  vai poñer en marcha o seu departamento destinado a  garantir a actividade da empresa e os postos de traballo e tamén debe explicar as razóns polas que a Xunta negou os avais necesarios para reflotar esta empresa.

IGAPE e Sector Eólico paralizados

Sobre o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Adán propuxo reconvertelo nun “organismo máis áxil para dar crédito as industrias e empresas galegas” e pediu que o conselleiro de Industria valore a posibilidade de transformalo nun “ Instituto de Crédito oficial galego” co fin acudir aos mercados financeiros e xerar crédito real.
Outra das propostas presentadas polo  BNG teñen a ver  co sector eólico, neste momento, dixo, “paralizado”, con  empresas deslocalizadas  e outras moitas  pechadas  definitivamente.
Neste aspecto, Adán lembrou que Canarias acadou o compromiso do Goberno central para obter un sistema de primas ás enerxías renovables antes do verán, o BNG, indicou, leva pedindo dende o cambio da normativa no Estado, que “o ministro e o propio Rajoy analicen a situación galega, e ao igual que Canarias, sexa eliminada a penalización a estas enerxías restituíndo as primas”.

O PP quere reducir a democracia en Galiza

A preguntas dos xornalistas sobre a proposta do Partido popular de reducir o número de deputad@s na Cámara galega, Adán, afirmou enerxicamente que, en Galiza existen graves problemas como o de Pescanova e a  destrución do sector eólico pero  poderiamos tamén referirnos a outros sectores castigados economicamente como o  do comercio. Eses son os grandes problemas que temos hoxe, importantes problemas que a Xunta non está ou non quere resolver.
A parlamentaria lamentou que “a gran preocupación do  Partido popular sexa reducir a democracia, gustaríame ver a Feijóo preocupado pola industria e polos postos de traballo que se poden perder en Pescanova, ese debería ser o seu cometido, mágoa que non teñamos goberno nin nada parecido”, concluíu.

Sociedade