Adestramento mental para garantir o mantemento da nosa autonomía

Adestramento mental para garantir o mantemento da nosa autonomía

17 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O departamento de Servizos Sociais abriu onte un novo obradoiro adicado ao adestramento da memoria. A iniciativa xorde como resposta ás demandas realizadas dende a Asociación de Viuvas María Magdalena de As Pontes que solicitaron á concellería que dirixe José Alén un taller para poder exercitar a mente.

En clases semanais de hora e media, unha quincena de socias deste colectivo aprenderán, mediante exercizos prácticos, a traballar co seu cerebro para evitar que, coa idade, éste sexa vítima do envellecemento por falla de traballo; perdendo, polo tanto, habilidades intelectuais necesarias para a relación co resto dos individuos e para manter a autonomía persoal. 

Este foi o principal beneficio subliñado polo concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, que acudiu á apertura deste curso. O edil recalcou a necesidade de comezar a adestrar o cerebro, a partir de certa idade, para manter as súas habilidades mediante sinxelos xogos e exercizos. Deste xeito, segundo explicou o concelleiro, a persoa gozará dunha mellor calidade de vida ao gañar en autonomía e independencia. 

Ademais, José Alén fixo fincapé no compoñente socializador deste tipo de iniciativas e que axudan a mellorar e estreitar lazos e relacións entre a veciñanza. 

A directora do Centro de Información á Muller (CIM), MªCarmen Rego, é a encargada de impartir este obradoiro que se desenvolverá ao longo de case tres meses, nas dependencias da Casa Dopeso. Asemade, o vindeiro mes de marzo arrincarán varios cursos tamén sobre adestramento mental e musicoterapia, ao abeiro do programa Vellez Activa, dirixido a maiores de 55 anos, que vivirá este ano a súa terceira edición, e que tamén conta co respaldo do departamento municipal de Servizos Sociais.

Sociedade