ADIF mellorará as instalacións das estacións ferroviarias chairegas

ADIF mellorará as instalacións das estacións ferroviarias chairegas

06 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As estacións ferroviarias chairegas de Begonte, Baamonde, Guitiriz, Parga e Rábade, formarán parte do plan previsto pola entidade pública empresarial Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para garantir a accesibilidade ao 96% das persoas que transitan polas súas instalacións.

O plan, que contempla actuacións en 380 estacións, das que 283 son de proximidade e 97 de grandes estacións, ten un investimento total de mais de 250 millóns de euros, cunha estimación de inversión de 50 millóns para este ano 2009.

 

O Senador socialista por Lugo, Luis Ángel Lago Lage, que foi o encargado de presentar esta iniciativa, indicou, sobre os prazos de execución de este Plan, que pretende que “todas as estacións ferroviarias con máis de 1000 viaxeiros ao día, e unha parte das estacións comprendidas entre 700 e 1000 viaxeiros, estean completamente adaptadas no ano 2012. Isto, -sinala Lago Lage-, garantirá para esa data a plena accesibilidade ao 90% das persoas que transitan polas estacións ferroviarias do noso país”.

Segundo dixo o representante do PSdeG na cámara alta, traballarase en dúas liñas estratéxicas para garantir a accesibilidade ao transporte ferroviario dos clientes con discapacidade ou mobilidade reducida. En primeiro lugar, acometeranse obras que favorezan a accesibilidade das estacións; como pode ser a instalación de ascensores e de escaleiras mecánicas, construción e ampliación de plataformas (caso da estación de Begonte), pasos inferiores, cambios de pavimentos e pezas de borde das plataformas, entre outros. Por outra banda, tamén se desenvolverán acordos cos operadores ferroviarios para prestar asistencias e axudas.

Estas novas medidas veñen a sumarse ás xa acometidas nas estacións da comarca, como pode ser o aumento das plataformas de ata os 68 centímetros nas citadas estacións de Baamonde, Guitiriz, Parga, e Rábade.

Sociedade