Aetna celebra esta semana as II Xornadas sobre Etnografía e Medio Ambiente

Aetna celebra esta semana as II Xornadas sobre Etnografía e Medio Ambiente

22 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Coa apertura da exposición “As embarcacións tradicionais en Galicia” comezan o vindeiro mércores as segundas xornadas culturais da Asociación Etnográfica e da Natureza Amigos do río Baa. O programa de actividades desenvolverase ate o sábado, rematando coa celebración do “día do socio” no muíño do Pombal.

"Os ríos e a diversidade biolóxica” é o tema da primeira conferencia organizada por Aetna, no marco das súas Xornadas sobre Etnografía e Medio Ambiente. A charla celebrarase o mércores, ás oito e media do serán, e correrá a cargo do biólogo e técnico de Adega, Francico Bañobre. Á mesma hora, o xoves, ofrecerá unha conferencia o historiador Francisco Correa, falando sobre o “Patrimonio arqueolóxico no arciprestazgo de Bezoucos”. Xa o venres, intervirá o tamén historiador Bernardo Máiz cunha charla sobre as “Embarcacións tradicionais e as actividades do mar na ría de Ferrol”.

Aetna aproveitará as II Xornadas sobre Etnografía e Medio Ambiente para “reinaugurar” o seu local social, sometido nestes últimos meses a unha serie de obras de acondicionamento e redistribución dos espazos. Agás o último día, tódalas actividades destas segundas xornadas de Aetna desenvolveranse neste remozado local que antigamente ocupaba a oficina de Correos de Maniños.

Como peche do programa, o próximo sábado celebrarase o “día do socio” no muíño do Pombal. A festa comezará ás sete e media do serán con distintos obradoiros artesáns, unha proxección titulada “O que hai que ver, o que hai que protexer” e unha charla sobre o programa anual e proxectos da asociación. Ao remate, convidarase a tódolos asistentes a unha churrascada.

Sociedade