Aetna celebrará o seu entroido tradicional o 19 de febreiro

Aetna celebrará o seu entroido tradicional o 19 de febreiro

03 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación Etnográfica e da Natureza Amigos do Río Baa ultima estes días os preparativos da súa festa do entroido. A sociedade de Maniños anuncia para o vindeiro venres 19 de febreiro un encontro gastronómico no que se poderán degustar as larpeiradas típicas destas datas. A maiores, haberá unha exposición fotográfica, presentarase o libro “Fene vai de entroido” e proxectarase un vídeo sobre o mesmo tema.

Un dos obxectivos da Asociación Etnográfica e da Natureza Amigos do Río Baa pasa por recuperar todas as vellas tradicións, entre elas a do entroido. É por iso que cada vez que se organiza esta festa, unha das cousas que procuran é facela “ao xeito de antes”.

Freixós, orellas, buñuelos, rosquillas… Estas e outras larpeiradas típicas do entroido serviranse na festa que Aetna celebrará nas instalacións da antiga escola Curros Enríquez, en Maniños. As persoas que asistan poderán aportar os seus propios doces, o mesmo ca os membros da directiva.

As actividades comezarán o vindeiro 19 de febreiro, ás oito do serán, coa inauguración da terceira exposición de fotografías antigas da parroquia. O mesmo día, a xornalista de Radiofusión María Xesús Arias presentará o seu libro sobre a historia do entroido de Fene e proxectarase un vídeo aportado pola Asociación Cultural “O Tadetas”.

Dende Aetna convídase a todas as persoas que asistan a súa festa do entroido a que se disfracen como se facía antigamente, con trapos vellos e roupas da casa.

Sociedade