Agafi e BNG colaboran para conseguir que a fibromialxia se declare como enfermidade incapacitante

Agafi e BNG colaboran para conseguir que a fibromialxia se declare como enfermidade incapacitante

26 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A presidenta de Agafi, Dolores Bermúdez, e a número dous da candidatura do BNG por A Coruña, Ana Pontón, manifestaron hoxe o seu compromiso e a súa vontade de a fibromialxia "sexa declarada como enfermidade incapacitante" na próxima lexislatura e que "se avance" nun "maior recoñecemento legal" e "unha maior sensibilización social" da mesma.

 

Nunha reunión con membros da Asociación de Galega de Fibromialxia (Agafi), Pontón recordou que a proposición non de lei do BNG aprobada durante o ano 2008 no Parlamento galego "abre a porta" a esta "demanda" que realizaron os afectados pola doenza en reiteradas ocasións e "dende hai moito tempo". A fibromialxia representa unha doenza crónica de carácter muscular que se caracteriza por unha dor constante e xeralizada, cansazo, rixidez, alteracións do sono e outros efectos como taquicardias e sensibilidade á luz, que afecta ao 6 por cento dos galegos que acoden a atención primaria e a un 20 por cento de pacientes en reumatología, dos que o 90 por cento son mulleres. A responsable de Agafi, Dolores Bermúdez denunciou que esta enfermidade "parte a túa vida" xa que "se estás a estudar non podes continuar" e, "se pretendes traballar, ou non che contratan ou ao pouco tempo despídente”. Neste sentido, Pontón destacou a "necesidade de avanzar no terreo laboral" ante unha situación na que "moitas mulleres que padecen esta doenza están a perder o seu traballo" en lugar de "adaptar o seu posto á súa situación persoal". Por outro lado, Bermúdez valorou a colaboración co BNG para "dar a coñecer esta enfermidade" que nos "anteriores" gobernos -- PPdeG -- "nunca se tivo en consideración".

Sociedade