AGE quere confluir con Podemos e co BNG

AGE quere confluir con Podemos e co BNG

27 de Maio, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

"Acumular forzas da esquerda rupturista" é unha das principais tarefas da Alternativa Galega de Esquerdas, segundo asegura o coordenador de Anova Martiño Noriega, quen se referiu explicitamente a Podemos e ao BNG. Rubén Pérez (Esquerda Unida) tamén coincidiu na mesma idea, indicando que "hai confluencia de programas nas forzas que non renegan da esquerda".

Os coordinadores da campaña de Alternativa Galega de Esquerda neste proceso electoral, Rubén Pérez (Esquerda Unida) e Martiño Noriega (EU), xunto con Juan Martínez (Espazo Ecosocialista), remarcaron que os resultados do pasado domingo obtidos supuxeron o "obxectivo cumprido" de introducir a Galicia na "internacional dos agredidos", e, aínda que "de non existir Podemos, o impacto de AGE" podería "ser maior", ven na formación que lidera Pablo Iglesias unha "oportunidade" e un "aliado" para o futuro, e non rival.

   "Non competimos entre iguais", afirmou, en rolda de prensa, o coordinador de Anova, Martiño Noriega, quen se fixou na baixada dos partidos tradicionais e no cambio de "comportamento electoral da xente", o cal considerou "que non é algo puntual, senón estrutural; e o peche por derribo do pacto da Constitución".

   Para Noriega, AGE "estaría a dar as costas" á realidade se considerase a Podemos "como unha ameaza" e, ao contrario, apostou por sumar forzas de toda a esquerda "rupturista", na que insiste en que  ten cabida o BNG, para "dar a batalla". "Ninguén sobra, todos somos necesarios", insistiu en referencia a Podemos, con quen compartirán grupo parlamentario na Eurocámara.

   É máis, Rubén Pérez considerou que "unha gran Syriza no Estado español" é posible. "Non o descarto", manifestou, na súa análise na que subliñou que "por fin a política de alianzas non se define co PSOE, senón con outras forzas que non renegan da esquerda" e coas que, remarcou, hai "confluencia de programas".

   Así as cousas, o secretario de Organización de Esquerda Unida incidiu en que, cos resultados do domingo electoral, "Feijóo non gobernaría en Galicia" e AGE "consolídase como terceira forza política en Galicia".

   Ademais, destacou que a candidatura estatal da Esquerda Plural, xunto cos escanos de Podemos, conformarán a "delegación máis importante" de deputados do grupo parlamentario da esquerda europea (con 10).

   Neste contexto, e despois de reivindicar que a Esquerda Plural tivo o segundo mellor resultado da historia de EU, Rubén Pérez augurou que a "confluencia" da súa organización e Podemos é unha cuestión "social", máis aló dos "aparellos" dun partido. Sobre a organización de Pablo Iglesias, da que di que el dos que pensan que "vén para quedar", considerou que "ten que desenvolverse territorialmente".

"CONCENTRACIÓN PARCELARIA"

   Pola súa banda, Martiño Noriega destacou que se conseguiron os "obxectivos fundamentais" cando se iniciou este proceso de unión de formación, que el denomina "concentración parcelaria", e entre os que estaba "golpear o espazo de privilexio do bipartidismo" ademais de "articular un movemento na esquerda rupturista", que tamén defende "o dereito a decidir dos pobos".

   Máis aló da coalición, dixo, Noriega remarcou o "proceso de acumulación de forzas no que se abre un espazo esperanzador" cunha baixada do 50 por cento no resultado dos votos de PP e PSOE xuntos

   Un fenómeno que cualificou de "tsunami" e que seguirá, asegurou, no "futuro" con máis "acumulación de forzas" para "un proceso constituínte, que poña os dereitos das persoas por encima do capital", como di --parafraseou-- a candidata Lida Senra, que optou por un segundo plano nesta rolda de prensa.

   En canto ao comunicado dos críticos de Anova, emitido este luns e no que censuraban de novo a coalición elixida, Martiño Noriega tratou de evitar a polémica afirmando unicamente que "non" comparte "a lectura" realizada por este colectivo e que as súas "enerxías están concentradas" na "acumulación de forzas e non noutras cuestións. Avogou por "abandonar aparataxes (de partido) e "pór o que nos une e non o que nos separa" encima da mesa.

Sociedade