Alcoa non se pecha

Dúas fotos foron valoradas sobre as demais polo xurado do Galicia en foco
20 de Novembro, 2019 - 09:44 h. | Publicada por Radio Fene

Angel Manso obtén o Premio Galicia en Foco 2019 pola foto " Alcoa non se pecha".

Ángel Manso obtén o Premio "Galicia en Foco 2019" e Agostiño Igrexas recibe unha mención especial do xurado na XXVIII edición do premio de fotoxornalismo que convoca o Club de Prensa de Ferrol. A foto "Alcoa non se pecha" publicada o martes 23 de outubro de 2018 en La Voz de Galicia da que é autor Ángel Manso obtivo o Premio de fotoxornalismo Galicia en Foco 2019 que outorga o Club de Prensa de Ferrol e que alcanza a súa XXVIII edición.

A foto premiada foi valorada polo xurado tanto pola calidade da fotografía, como polo feito de ser portada nunha noticia de tanta importancia para a economía galega. Ademais o xurado do certame acordou conceder unha "mención especial" á serie "O perdón dos pecados" de Agostiño Igrexas, publicada no mesmo xornal o 30 de Agosto de 2019.

A entrega dos premios terá lugar o sábado 14 de decembro tras a inauguración da exposición das fotografías que concorreron ao certame e que terá lugar no centro Torrente Ballester de Ferrol ás 19.30 horas. O Xurado da XXVIII edición de Galicia en Foco estivo composto por D. Rodrigo Ramos Ardá, D. José Pardo e Dna. Julia Díaz Sixto. Actuou como secretario, D. Xoán Loura Alejos.

Cultura

Publica o teu comentario agora