Alcohol, auga e vaselina

Alcohol, auga e vaselina
13 de Marzo, 2020 - 11:36 h. | Publicada por Radio Fene

Evitar as aglomeracións, usar mascarilla en caso necesario e a hixiene persoal e do medio no que nos movemos. Son os principais consellos que nos facilita a doutora fenesa, Carmen Carballo. Como escasen os xeles especiais, Carballo apórtanos unha solución caseira moi útil.

ESCOITA O PODCAST:

Para acentuar, se cabe, a colaboración de cada persoa nesta crise, visitamos esta mañá á doutora Carmen Carballo na súa clínica de Fene. Ela apórtanos solucións moi sinxelas e prácticas á hora de evitar os contaxios. A primeira recomendación médica é evitar no posible as aglomeracións de xente, esquivando acudir a locais onde se reúnen moitas persoas ou utilizar mascarilla, tamén evitar as viaxes en transporte público e calquera viaxe prescindible. E por suposto, matiza Carmen Carballo, intensificar a hixiene persoal e do medio onde nos movemos.

Carballo ponnos dous exemplos sinxelos e moi prácticos: limpar con maior esmero os xoguetes dos máis pequenos e lavar as mans ben lavadas. Para isto último, e tendo en conta que os xeles con alcohol están esgotados, ofrécenos unha receta caseira que nos parece moi útil. Introducimos nun dispensador de xabrón ou nun bote similar tres productos nas súas xustas proporcións: 250 cm³ de alcohol, 90 cm³ de auga e un pouco de vaselina líquida. Axitamos todo e xa temos unha solución caseira moi eficaz.

A doutora Carballo non se atreve a pronosticar canto vai durar isto pero, a tenor do que din os expertos, afirma "temos para uns tres meses". Cando lle preguntamos pola mortalidade do Covid-19, Carballo é clara: “Cantos nenos morren no mundo por outras epidemias en circunstancias ás que non prestamos atención”.

Con mascarilla nos reciben na clínica Carmen Carballo e con mascarilla nos despiden. E non é porque non den a cara pola saúde.

Sociedade

Publica o teu comentario agora