Alcohol a contagotas

Alcohol a contagotas
26 de Marzo, 2020 - 11:27 h. | Publicada por Radio Fene

A farmacéutica María Hidalgo roga que non se utilicen as farmacias e os supermercados para dar paseos. Mellor é quedar na casa para non poñer en risco a todo o mundo.

ESCOITA O PODCAST:

Ri María Hidalgo cando lle decimos que entrar na farmacia de Fene estes días é como entrar na Nasa. Recoñece a farmacéutica de Fene que chama a atención a súa máscara de metacrilato, que é incómoda para as que están dun lado e do outro do mostrador pero que ten o obxectivo de seguir prestando o servizo coa maior seguridade. Cóntanos que moitas farmacias, sobretodo en Madrid, tiveron que pechar por contaxio, pero tamén recoñece que o contacto coa xente é máis frío que antes.

O que máis sorprende á farmacéutica da rúa da Fraga é que siga acudindo á súa oficina xente moi maior e con moitas patoloxías, persoas que non deberían sair da casa. E apunta Hidalgo que a propia farmacia, o concello ou a rede familiar destas persoas debería encargarse de suministrarlles todo o que precisen. “Hai moitos mecanismos para ocuparse disto e para que queden na casa”, declara María Hidalgo, quen tampoco entende que se utilice a farmacia ou o supermercado para pasear.

Os medicamentos non faltan na botica. Onde sí hai falta de suministros é nos productos de protección como as máscaras, as luvas especiais, o xel hidroalcohólico e o simple alcohol que chega a contagotas. Pero sempre nos quedará a auga e o xabrón que é moi efectivo, apunta a farmacéutica fenesa. Cando lle preguntamos a María Hidalgo polo volumen das vendas, declara que é igual ou moi similar a antes da pandemia. A súa farmacia fai dous turnos de traballo, un de mañá e outro de tarde sen contacto entre sí. Como conclusión, as súas recomendacións son: hixiene frecuente de mans, non expoñerse e pedir axuda no teléfono da Xunta de Galicia 900 400 116, se notan síntomas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora