Alfonso Blanco Torrado, presidente da Asociación Xermolos: “Temos que intensificar o noso autocoñecemento como pobo”

Alfonso Blanco Torrado, presidente da Asociación Xermolos: “Temos que intensificar o noso autocoñecemento como pobo”

01 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz xa ten predefinido o seu cartel para o Festival de Pardiñas, que se celebra o primeiro fin de semana de agosto. O sábado tocarán Muyayos de Raïz, La Belle Image Fanfare, Hedningarna e Banda Potemkin, mentres que o domingo o farán Bloquinho da Salgueira, Lúa de Fouce, Pepe Vaamonde e Pan de Capazo. Sen embargo, non foi isto o único que nos adiantou Blanco Torrado, senón que nos falou

TCX: A vosa Asociación, ¿Cómo e cando nace?

Xermolos naceu neso que se tende a chamar a transición política, alá polo 1976, e foi unha idea dun grupo de mocidade que quería facer unhas festas diferentes que as que había naquel tempo e onde se tivese en conta a música, a cultura de Galicia, e tamén ofrecer servizos culturais, como a creación dunha biblioteca para toda a comarca. Tamén buscamos facer publicacións onde colaborase a mocidade e recuperar a dimensión da comarca da Terra Chá dando a coñecer as nosas tradicións, que estaban un pouco esquecida. Era unha canle para unir á mocidade. Tentábamos facer unha plataforma para que a mocidade comunicase o seu xeito de pensar, de crear...

TCX: Quizais a mocidade, e á súa relación co cultural é un dos temas mais esquecidos.

Aínda que non sae nos medios, para Xermolos é o labor mais importante. Este é un traballo do día a día. Parece que a mocidade só sae nos medios por cousas negativas, pero aquí hai un grupo de mozos e mozas que están a traballar no día a día. Agora mesmo o estamos a facer no festival de Pardiñas, nunha serie de comisións, tamén organizamos a cabalgata de reis desde hai 30 anos, o antroido... Desde aquí transmitimos un xeito de levar cultura que hai que valorar e que pensamos que fai o que fai aos homes e ás mulleres libres. Nós concibimos a cultura como unha ferramenta para crear mais igualdade, liberdade, solidariedade, algo que axude ás persoas a ser mais de proveito, non só a ser unha cultura dos arquivos, senón unha cultura viva. Tamén lle damos moita importancia ás nosas raíces pero sempre con diálogo e comunicación con outro pobos, por iso a Pardiñas veñen músicas e tradicións e culturas doutras partes do mundo.

TCX: Botades unha ollada á Cultura Popular, que moitas veces fica un pouco esquecida ou asoballada pola chamada cultura de elite.

Esta foi un pouco a experiencia que tivemos. Custounos moito que a nosa xente medrase en autoestima do que estaba a facer. Por exemplo na artesanía, que ten unha tecnoloxía, que ten unha arte e que parece que non estaba valorada. Por isto deixamos sempre unha parte dedicada á artesanía en Pardiñas. Gañar en autoestima e en aprecio foi outro plus da nosa actividade, valorar mais aquilo que recibimos dos nosos maiores e no que había como unha especie de complexo de que era unha cultura de segunda clase, que estaba arrinconada fronte ao urbano, á elite. Isto foi unha das nosas grandes teimas.

TCX: ¿Hai diferenzas entre a mocidade de hoxe e a das décadas anteriores?

Podiamos escribir un libro sobre isto, sobre todo algúns que estamos desde o comezo. Penso que hoxe a mocidade non é peor, nin moito menos, penso que algunha das etiquetas que lle cargan é un pouco culpa dos adultos. Hai que pensar que teñen outro xeito de situarse no mundo, na sociedade, nós non tiñamos as posibilidades tecnolóxicas que eles teñen agora. E este novo xeito de comunicarse, de navegar, hai que telo moi en conta. A mocidade colabora doutra maneira segundo as xeracións, porque naceron en outros tempos. Incluso moitos son fillas e fillos dos fundadores, naceron noutro mundo e noutro campo.

TCX: O truco estaría na adaptación á mocidade e de escoitala. ¿Quizáis este é un consello para os poderes públicos, que moitas veces teñen un pouco as orellas tapadas?

Si. En primeiro lugar porque non son tan menores de idade para algunhas cousas. Son mulleres e homes con inquedanzas, con aspiracións, que teñen que aprender moito, pero coma nós, que temos que aprender moito ata que morremos. Están nun proceso da vida, pero que hai que escoitar e ter en conta. Eu penso que os maiores, as administracións, a igrexa... que non teñen esa sabiduría de escoitalos, de poñerse ao seu lado, de camiñar ao seu ritmo, por iso se está a perder unha aportación, unha achega que eles poderían facer moito mais intensa. Ás veces, os adultos, dedicámonos a deixalos ao lado, poñerlle etiquetas, e hai que dedicarlles moito tempo. Hai que ir abrindo camiños a base de escoitar, de que se dean de conta de que están a crear mais vida, mais ledicia. Eles aprecian moito o instante, o presente, entón hai que camiñar con eles vivindo cousas que a eles lles aportan ledicia, goce, pasalo ben

TCX: Asociacións como a vosa, ¿Poden ser as ferramentas necesarias para poder suplir estas posibles carencias?

Eu penso que si. O principal que deben entender é que hai que dedicarlle tempo, divertirte con eles, saír por aí con eles, falar moito, ter en conta a pluralidade que existe hoxe en día, soen ser tamén bastante tolerantes e asumen moi ben as súas diferenzas, incluso mellor que os adultos. Eu lamento que por non mollarnos, pasemos deles, e se lle damos cancha acaban por comprometerse. Hoxe teñen moitas cousas que nós tivemos que crear.

TCX: Hoxe en día, ademais dispoñen dunha gran cantidade de instrumentos comunicativos...

Claro. É un mundo tremendo. Tamén hai veces que nos parece que están moi metidos en internet, pero eu penso que lles ofrece, mais ben, horizontes. Permítelles abrirse para coñecer xente, e é verdade eles teñen unha comunicación con persoas de lonxe, a través de blogs, etc. Pero temos que ter en conta que eles navegan por eses mundos que son deles tamén.

TCX: Son ferramentas que lles permiten exportar a súa creatividade cara fóra, ¿Non?

Si, quizais haxa que dar o paso todos de abrirnos, eles tamén, a esa nova maneira de expresarse e comunicarse. Ás veces dicimos que non escriben, pero si o fan a través dos blogs, das redes sociais. Eles están sempre creando. Non toda creación ten que ser unha cousa pechada, compartimentalizada. En Xermolos colaboran con novas tendencias, como grafittis, ou outras cousas que hai 30 anos eran inconcibibles. Teñen xeitos de expresar as súas inquedanzas. Pero tamén é necesario asimilar o que eles nos ofrecen. Mesmo no ensino habería que telos moito mais en conta e abrirse á sociedade. Eu noto que a súa intelixencia agora non é tan memorística como emocional, algo que lles provoca sensacións ao momento e iso quédalles gravado. Nos centros de ensino o principal é orientalos nas súas decisións, cómo decidir ou o que escoller, porque ter, teñen moito.

TCX: Fomentar a cultura, ¿Crees que é un aspecto un pouco esquecido polos poderes públicos, quizais sempre está por detrás de outros aspectos, como a economía, por exemplo?

A cultura sempre foi un pouco marxinada, non sei si é porque non é rendible económicamente, aínda que hoxe existe unha industria cultural que ten ingresos importantes. Pero sempre estivo un pouco á marxe, sobre todo a cultura popular. Neste mundo globalizado temos que intensificar moito mais o non coñecemento como pobo, cunha lingua, cunha tradición, e iso é o que nos axuda a coñecer aos outros pobos, e neso non se está a investir, nin tendo en conta eses sectores, que debían de ser moito mais escoitados polas administracións.

TCX: Incluso a cultura pode ser unha arma arroxadiza desde o punto de vista política, como se está a ver co tema do idioma, ¿Cómo o ves tí?

Eu penso que empregaron a lingua como unha bandeira, sobre todo con certos sectores, para gañar votos. Quizais nun sector da poboación que, polo que sexa, non ten claro onde vive, onde está, a herdanza que recibe. Esa herdanza hai que recoñecela e agradecela. Falar en galego non é unha moda, nin unha imposición, senón que é recoñecernos fillas e fillos dun pobo diferente do veciño e que forma parte dun arco iris tan diverso pero tamén moi fermoso e que todos somos necesarios. Pero é unha inxustiza que se aproveite o que é mais noso, como é a lingua, como unha arma arroxadiza para tirar á cara doutra xente. Desfrutar do noso patrimonio fainos desfrutar mellor, fainos entender mellor, por iso non se pode politizar.

TCX: O Festival de Pardiñas é unha referencia no verán lucense ¿Cómo se organiza?

Temos unha comisión para a programación dos grupos de música. Logo temos outra para as infraestruras. Para levar a cabo a programación dos grupos temos centos de cd´s e chamadas e dossiers de grupos de aquí e de fóra. O que se fai é que se vai escoitando música e se decide. A algún que se lle deixa fóra se deixa na primeira fila ao ano seguinte. Sempre o facemos segundo uns criterios. O primeiro é facer festa. Nós queremos música que nos axude a bailar, non queremos xente que vaia alí so a un concerto a escoitar apalancada. Queremos que a xente baile, desfrute e que Pardiñas se converta nun lugar que aporte novas enerxías para suar moito, non só a sentarse no chan. Logo tamén buscamos grupos que están comezando xunto con outros xa consagrados. Creemos que é necesario darlle a cancha a algún grupo que está empezando e que non é moi coñecido, para que tomen contacto con outros e pasar por Pardiñas. Temos moitas peticións para participar aquí e non as damos satisfeito porque Pardiñas é unha vez ao ano. Tamén facemos un diálogo da música coa cultura, por iso lle chamamos feira e festa da música e da arte. Temos artes plásticas, artesanía, mostra de libros. Os pregóns, como pezas literarias son fundamentais, por iso se xuntan escritores que están e que non están aquí e que son asiduos de Pardiñas, como os casos de Manuel María e Díaz Castro, para os que era sempre unha data fixa no seu calendario.Sempre segue vindo Avelino Pousa Antelo, cos seus 95 anos, Antía Cal, Bernardino Graña, xente entrada en anos, pero que non perden a cita. Outro dos nosos grandes atractivos é a mostra de artesáns de instrumentos, que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos e que para nós é fundamental, porque é un encontro de artesáns e intérpretes e investigadores da música. Neses días xantan xuntos, falan, dialogan, conversan, e iso é fundamental, ten o seu propio pregón, obradoiros de danza... Creemos que esta ampla oferta é importante para que Pardiñas non sexa só divertimento. Pardiñas multiplícase en distintos espazos, en distintos tempos, un pouco coa raíz emocional da nosa e doutras culturas que están en diálogo coa nosa.

TCX: ¿Qué outras actividades estades a preparar?

Agora mesmo estamos a artellar as segundas xornadas sobre o camiño norte, que este ano son en Begonte e Guitiriz e serán unha homenaxe a Conchi Prado, a hospitaleira do albergue de Baamonde, que faleceu dun xeito inesperado, e poñerémoslle unha placa no albergue. Faremos a publicación nº 12 do que nós chamamos os guieiros, que irá un pouco dedicada a ela e ao camiño norte. Haberá unha mostra de artesanía o día 14 en Parga e un concerto na igrexa de Baamonde. Trátase de descubrir como o camiño é fonte de recursos e un patrimonio que hai que coidar. Celebraremos o centenario de Aquilino Iglesia Alvariño, que será o domingo 21 e o sábado 28. O domingo 21, arredor das 17.00 horas, o Concello de Castro de Rei abrirá unha rúa dedicada a el e outra a Emilio Sinde. Vai haber tamén unha conferencia de Ricardo Polín sobre a figura do poeta. Logo, ás 20.00 horas en Muimenta haberá un recital de poesía do autor. O propio 28, na parroquia natal de Alvariño, en Seivane, Abadín, imos facer un roteiro e tamén presentaremos unha publicación non nosa, senón de Manolo Regal. Estamos tamén a preparar un libro sobre os 30 anos do festival de Pardiñas, onde colaboran xestores de festivais de todo o mundo, ademais de xente do mundo da música e de zonas como Euskadi, Galicia, Portugal ou Madrid. O pregoeiro deste ano en Pardiñas será Manuel Caamaño, que é o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, porque foi unha figura que nos animou moito desde que comezou Xermolos e dedicounos atención nos medios e nalgún libro seu e por iso querémolo traer nunha edición cun número un pouco mais redondo

Cultura