Alguén sabe canto influíu a crise na saúde laboral?

As XVII Xornadas Galegas sobre Condicións de Traballo e Saúde, que organiza a Asociación de Graduados inaugúranse mañá no salón de actos do Campus Universitario de Ferrol.
01 de Abril, 2019 - 10:47 h. | Publicada por Radio Fene

Os encontros servirán para avaliar cuestións tan preocupantes como o acoso ou a violencia laboral. A saúde laboral dos traballadores novos e a recuperación de dereitos perdidos como consecuencia da crise.

O Campus ferrolán converterase, do 2 ao 4 de abril, nun espazo para o debate en materia de saúde laboral e prevención de riscos, grazas a unha nova edición das xornadas que cada dous anos veñen organizando os integrantes da Asociación de Graduados Sociais e a Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña. Inaugúranse mañá martes ás 10h.

Fieis ao seu obxectivo de analizar minuciosamente os temas máis candentes no ámbito das relacións laborais, os graduados ferroláns expoñen este ano unha programación máis que completa na que durante tres días, os especialistas avaliarán cuestións como:

Os riscos laborais asociados ao coidado de persoas dependentes.

A convivencia interxeneracional nos centros de traballo.

A incidencia que as novas tecnoloxías teñen sobre a prevención de riscos.

Os encontros servirán para avaliar cuestións tan preocupantes como o acoso ou a violencia laboral. A saúde laboral dos traballadores novos e a recuperación de dereitos perdidos como consecuencia da crise, ocupan tamén unha parte importante na programación destes encontros.

Sociedade

Publica o teu comentario agora