A ameixa de Arousa e a navalla de Pontevedra eríxense como exemplos mundiais de sustentabilidade

A ameixa de Arousa e a navalla de Pontevedra eríxense como exemplos mundiais de sustentabilidade

04 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Dous proxectos galegos son os primeiros de todo o sector pesqueiro do Estado en superar a pre-avaliación do rigoroso estándar medioambiental da Marine Stewardship Council (MSC), o certificado de sustentabilidade e bo manexo máis importante do mundo. Trátase do plan de explotación para a navalla da Ría de Pontevedra e do plan do marisqueo da ameixa da Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arousa.

O plan de explotación conxunto para a navalla na Ría de Pontevedra naceu no ano 2000, impulsado polas confrarías de Portonovo, Sanxenxo, Raxó, Pontevedra e Lourizán, ás que despois se uniron as de Bueu e Marín. Esta especie captúrase mediante técnicas de mergullo nos fondos de toda a ría e tamén das Illas de Ons e Onza, en pleno corazón do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O patrón maior da Confraría de Bueu, José Manuel Rosas, explicou en Radiofusión que os profesionais encargados desta tarefa son “verdadeiros espertos” que recolectan as navallas unha a unha coas súas mans.

Pola súa banda, a Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arousa ten en marcha un plan de marisqueo a pé e a flote dedicado á ameixa. Un dos logros principais deste proxecto é a creación dun criadeiro de ameixas, coa fin de que os socios da entidade puidesen cultivar as praias coa súa propia semente. O presidente da cooperativa, Juan José Dieste, explicou en Radiofusión que o seguinte paso que queren dar é o de vender eles mesmos o produto. Deste xeito, argumentou, aseguraranse de non saturar o mercado nin sobreexplotar os recursos.

Ambos plans comparten o seu obxectivo de atopar un modelo de xestión eficaz e sustentable. Cando completen o proceso de avaliación do certificado MSC, a ameixa de Arousa e a navalla de Pontevedra comercializaranse cunha eco-etiqueta distintiva que funcionará como distintivo de calidade ante os consumidores.

Sociedade